Iria Gasamáns, da Clínica Obradoiro: “O noso obxectivo é facer plans de tratamento personalizados”

SarriaXa
Falamos con Iria Gasamáns, xerente da Clínica Dental Obradoiro, cuxa clínica se atopa na rúa Pedro Saco 37 baixo de Sarria
Clínica-Dental-Obradoiro-Iria
1 Dec 2024

Por Jessica Fernández

Como xurdiu a idea de poñer en marcha este negocio?

Penso que a idea de ter unha clínica propia xorde na maior parte dos odontólogos unha vez que se ten certa bagaxe profesional. As ganas de asentarse nun único espazo de traballo e coordinar os plans de tratamento dende un punto de vista multidisciplinar poñendo en práctica toda a formación obtida ata o momento foron os detonantes principais. Este é un proxecto longo, levoume tempo materializalo. O meu número de rexistro sanitario é C-27-001438.

Como foi a xornada de portas abertas?

Á xornada de portas abertas acudiron moitos amigos e persoas próximas, así como veciños e veciñas da vila. A idea era dar a coñecer as instalacións e servizos, pois o baixo sufriu un gran cambio coa reforma e moita xente lembraba como estaba hai moitos anos. Tamén queriamos indicar que se aproximaba o comezo da actividade. Penso que a acollida foi boa, polo menos as sensacións foron positivas.

Que servizos se ofrecen?

A nosa idea é ofrecer a realización dunha odontoloxía multidisciplinar, abarcando tódalas especialidades. Comezando pola prevención e seguindo pola odontoloxía conservadora, a odontopediatría, endodoncia, estética dental, prótese, implantoloxía e cirurxía oral e ortodoncia. Para ofertar isto, contamos cun equipo de 4 profesionais, que cubre tódalas especialidades mencionadas.

Como é a comunicación co cliente?

O noso obxectivo é facer plans de tratamento personalizados para cada paciente dende un trato próximo e familiar. Na clínica intentamos facer a experiencia de acudir ao dentista, o máis agradable posible. Fixemos un gran esforzo para que tanto o espazo como o equipo humano teñan como foco principal o benestar do paciente.

Cales son os proxectos de futuro?

Gustaríanos implementar ao 100 % o fluxo dixital na clínica. Hoxe en día trátase dunha ferramenta moi importante tanto no diagnóstico como na realización de tratamentos.

Por outra banda, queremos facer fincapé na interrelación entre saúde oral e deporte. Por iso, colaboramos estreitamente coa Escola de Taekwondo AC Sarria ofrecendo un desconto do 10 % a tódolos alumnos da escola e os seus familiares directos. E non descartamos máis colaboracións con outros clubs e asociacións da vila e da contorna.

Era necesario un establecemento como este en Sarria?

Despois de máis de 6 anos vivindo en Sarria, pareceume un bo lugar no que poder continuar a miña traxectoria profesional e reforzar a oferta existente para os veciños e veciñas da Vila e arredores.

Cales son as novidades do sector?

A clínica conta con dous gabinetes totalmente equipados para a realización dos tratamentos mencionados, así como unha sala onde se fan probas de Radiodiagnóstico. As instalacións permiten a ampliación da oferta, polo que tampouco descartamos que o equipo medre.

É difícil atopar xente para traballar neste ámbito?

O certo é que tiven moita sorte e non me resultou difícil conformar o equipo. Xa tiña contacto con algúns dos colegas, e ademais, en Lugo ofertan o Ciclo Superior de Formación Profesional, que xa completaron varias promocións, o que sempre nutre ao sector de persoal cualificado.

0.15970015525818