Iría Rodríguez, do Mesón Pontenova: “Levamos 43 anos traballando por ofrecer o mellor servizo”
Falamos con Iría Rodríguez, xerente do Mesón Pontenova de Samos.
Que tipo de comida ofrecen? Tradicional, comentar que produtos típicos ofrecen…
Ofrecemos comida de tipo tradicional, ofrecemos carnes á grela de tenreira e vaca, troitas e anguías, carne de caza por encargo, pratos de culler caseiros e pescados frescos.
Ofrecen menú do día? Por canto e que inclúe?
Ofrecemos menú do día que inclúe un primeiro e segundo prato e sobremesa, café e a bebida por 15 euros.
Cal é o prato forte na Pontenova de Samos?
Son varios os pratos fortes do noso restaurante, como os callos, as ameixas á mariñeira, rape Santurce e os chuletóns de tenreira e vaca.
Cal é a sobremesa máis pedida?
As nosas sobremesas son artesanais e as máis pedidas son a tarta de leite ao forno, a tarta de queixo e a tarta de coco.
Como é o tipo de cliente?
Temos de todo, tanto clientes locais como turistas que pasan polo noso Mesón ao seu paso polo Camiño Francés do Camiño de Santiago.
Teñen clientes fieis que adoitan ir?
Si, temos clientes habituais, tanto pola semana como os fins de semana. Ademais, durante o verán hai familias que veñen todos os anos.
Como son as instalacións do lugar?
Temos un amplo lugar para acoller todo tipo de clientes e tamén eventos. O mesón é grande por dentro e contamos con dous comedores interiores.
Ademais, tamén temos moito espazo no exterior que inclúen dúas terrazas exteriores e unha cuberta, todo iso rodeado dun gran xardín decorado para todo tipo de celebracións.
En que zona está localizado?
Estamos en Samos, pasando o Camiño Francés nunha contorna verde rodeada de casas de turismo rural, que fan que o noso mesón teña máis encanto, se cabe, non só pola calidade da nosa comida e polo noso servizo, senón tamén polo lugar privilexiado no que nos atopamos e que fai que a xente quede contenta e queira repetir.
É necesario un local deste tipo en Samos?
Si, xa que a zona é turística e a comida que ofrecemos é tradicional, polo que é como estar comendo na casa da avoa.
Fan servizo de pedidos para recoller e de levar á casa?
Facemos pedidos para recoller no establecemento e algunha vez subimos comida a casas de turismo rural da zona.
Organizan eventos no mesón? Bodas, bautizos… Por que vos elixen?
Si, celebramos eventos, sobre todo bautizos e comuñóns. As persoas elíxennos porque levamos 43 anos traballando e ofrecendo os nosos servizos, cos que a xente queda contenta. Así, moitas celebracións son de varias xeracións de familias, ao mellor fixeron os pais o bautizo dos fillos e agora fan a comuñón.
Como é o servizo de cátering?
O servicio de cátering xurdiu a raíz do confinamento e a verdade é que imos tendo moito traballo. Estamos equipados con varios camións, onde levamos as cociñas e os mobiliarios necesarios para cada tipo de evento do que nos chaman para participar e estanos indo ben. A ver que nos depara o futuro, pero queremos seguir nesta liña.
Saben de boa man que a xente queda contenta co servizo porque volo din?
Si, temos clientes que ao mellor levan sen vir 20 anos porque non son de aquí e teñen o recordo de que se come moi ben, e sempre din que seguimos igual, fomentando a calidade da nosa comida e ofrecendo o mellor servizo.