Isabel Rodríguez, na Festa dos Avós de Láncara: "As persoas maiores son un piar fundamental das familias"

A Festa das avoas e dos avós de Láncara, unha cita xa emblemática no municipio que recoñece o papel fundamental das persoas maiores na sociedade, acolleu a participación de centos de persoas, entre as que destacou a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
Durante o acto, Isabel Rodríguez puxo en valor “a memoria, a tradición e a dedicación dunha xeración que fixo país” e destacou que moitas persoas maiores “son hoxe un piar fundamental das familias, tamén no ámbito económico e emocional”.
Rodríguez subliñou o compromiso do Goberno de España co envellecemento digno e activo, a través de medidas como a revalorización das pensións ou o aumento dos recursos para a dependencia, e advertiu da importancia de reforzar a seguridade das persoas maiores fronte a situacións de violencia ou engano, destacando o papel da Garda Civil no desenvolvemento do Plan Maior.
“A protección dos maiores non é só unha obriga legal, é unha responsabilidade ética que require o esforzo conxunto de todas as administracións”, asegurou a subdelegada, quen rematou a súa intervención cunha mensaxe de agradecemento: “Grazas por ser exemplo de traballo e resistencia”.