Isabel Rodríguez participou nunha mesa redonda no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria

SarriaXa
"Queremos que todas as nenas e mozas que estades aquí vexades que as profesións non teñen xénero, que as mulleres podemos facer todo o que nos propoñamos", subliñou
subdelegada-do-Goberno-IES-Xograr-Afonso-Gómez-Sarria
8 Mar 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou na inauguración dunha mesa redonda no IES Xograr Afonso Gómez con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

No acto estiveron presentes o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, así como o equipo directivo e o profesorado do centro, encabezado polo seu director, José Manuel Valcarce.

Durante a súa intervención, Isabel Rodríguez agradeceu o interese do centro educativo nesta iniciativa, que forma parte do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas. Ademais, destacou a importancia de visibilizar o traballo das mulleres nas forzas de seguridade. "Queremos que todas as nenas e mozas que estades aquí vexades que as profesións non teñen xénero, que as mulleres podemos facer todo o que nos propoñamos", subliñou a subdelegada.

A mesa redonda, organizada no marco das actividades do 8M, foi moderada pola cabo 1ª Mónica Revilla, do Subsector de Tráfico de Lugo, e contou coa participación de profesionais da Garda Civil e da Policía Local de Sarria, que compartiron as súas experiencias no ámbito da seguridade pública.

Entre as poñentes estiveron a policía local Ana María Lombao, as gardas civís Sonia Yolanda Santiso (Equipo de Investigación Tecnolóxica da Policía Xudicial de Lugo), María Sherezade Lamas (Patrulla Fiscal de Foz), Jessica Rielo (Atestados do Subsector de Tráfico de Lugo) e a policía local en prácticas Ana Timiraos.

Ao remate da mesa redonda, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de preto o material e os vehículos empregados no traballo policial, grazas a unha exposición organizada no exterior do salón de actos. Nesta mostra colaboraron dúas gardas civís máis, María Jesús Madueño (Puesto Auxiliar de Sober) e Beatriz Bruzos (Equipo de Violencia de Xénero de Sarria), que explicaron o uso dos distintos equipos.

A subdelegada do Goberno animou ao alumnado a loitar por unha sociedade máis xusta e igualitaria, lembrando que a formación e o respecto son claves para o futuro. “Estudade e preparádevos, e sobre todo, respectádevos e loitade polos vosos dereitos. Tedes a chave do futuro”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.60135698318481