Isabel Vergara, concelleira de Igualdade de Sarria, será a encargada de ler o manifesto polo 25N
A Concellería de Igualdade do Concello de Sarria, representada por Isabel Vergara, presenta o programa de actividades con motivo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller "co compromiso de seguir xuntando esforzos na sensibilización, na prevención e na erradicación da violencia cara ás mulleres".
Baixo o lema 'Voa alto, voa libre', desde o Goberno local sarriao mostran como símbolo o papel das mulleres "que queremos na sociedade actual", e que presidirá os actos de conmemoración do 25N.
A concelleira de Igualdade incide na necesidade de abordar a sensibilización e a prevención da violencia de xénero desde o ámbito escolar. "Tendo en conta que a educación constitúe unha das áreas prioritarias de intervención na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero, e que a igualdade tamén se aprende, se ensinamos igualdade, avanzaremos na redución do grave problema social que hoxe é a violencia contra as mulleres, límite máximo da desigualdade", sostivo a concelleira.
Por iso, o Concello de Sarria desenvolverá actividades co alumnado de todos os centros educativos. Nesta ocasión, a proposta vai destinada non só ao alumnado de Educación Secundaria, senón tamén ao de Educación Infantil e as primeiras etapas de Educación Primaria.
O domingo 24 de novembro, a Casa da Cultura-Biblioteca Camilo Gonsar do Concello de Sarria acollerá o 'Obradoiro de Arte colaborativa en conmemoración do 25N', coa colaboración do club de lectura e destinado a todo o público en xeral. Terá lugar ás 17.00 horas e será un espazo de encontro no que as persoas que conforman o club de lectura, xunto as e os participantes no obradoiro, decorarán pezas de cerámica ás que lle porán un título ou slogan. As pezas decoradas formarán parte dunha exposición. Ademais, rematarán a xornada do obradoiro plantando unhas flores, en conmemoración ao 25N, co slogan "as flores de vivas non de mortas". Finalmente, ás 20.00 horas terá lugar a proxección de ‘Madame Curie’.
Xa o propio 25 de novembro ás 13.30 horas na Casa do Concello terá lugar a lectura do Manifesto en conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A lectura será realizada pola concelleira de Igualdade.
A última actividade será na primeira semana de decembro e consistirá nunha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual a cargo de María Angélica Mercado Torres, mestra especializada en xénero e igualdade, e dirixida ao alumnado de BAC dos IES do Concello de Sarria. Esta abordará a prevención das agresións sexuais e a violencia sexual entre a mocidade, e se reflexionará sobre o bo trato nas primeiras relacións, a identificación das tipoloxías de violencias sexuais, como evitar ditas agresións, incidindo na importancia dunha educación afectivo-sexual alternativa á pornografía. A actividade está financiada pola Dirección Xeral de Loita contra a VX da Consellería de Política Social e Igualdade en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).