Isabel Vilalba, reelexida secretaria xeral do SLG

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A gandeira de Lourenzá Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral dende o ano 2012, foi reelixida no seu cargo para o novo período.
isabel vilalba slg
13 Dec 2021

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrou onte o seu X Congreso en Vilalba baixo o lema Máis labregas, mellores alimentos. A vida das persoas e do planeta no centro. A gandeira de Lourenzá Isabel Vilalba Seivane, secretaria Xeral dende o ano 2012, foi reelixida no seu cargo para o novo período. Foron renovados tamén os órganos de dirección sindical, ficando elixidas as persoas que integrarán a Dirección e Executiva Nacional.

O encontro do SLG-CCLL estivo marcado por apelacións aos grandes retos mundiais a nivel estrutural "que estamos a afrontar na actualidade. As carencias e desigualdades crecentes que se están a expandir nas nosas sociedades obrígannos a priorizar as cuestións verdadeiramente esenciais: o coidado da vida das persoas e do planeta".

“No ano 2023 o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas cumprirá 50 anos de loita, e nun día tan especial como o de hoxe queremos subliñar que a afiliación é o verdadeiro motor deste proxecto, desta loita”, afirmou Vilalba. “A afiliación é o corazón e o corpo da nosa organización, porque están no día a día, pero sobre todo por producir alimentos, coidar o territorio e transmitir o coñecemento e cultura labrega”.

Explicaron que a xestión da crise da covid-19 confirmou unha das máximas do SLG: a produción de alimentos é unha actividade esencial "que non pode ser secuestrada da man dos pobos, que non pode ser agasallada ás grandes multinacionais que só teñen o seu propio beneficio como obxectivo final. Os pobos deberían ter garantido por lei o dereito á súa Soberanía Alimentaria".

“A dependencia a nivel alimentario, sexa tanto dos alimentos para as persoas como da alimentación para os nosos animais é un suicidio como sociedade, como pobo. Non podemos permitir que se sega favorecendo un modelo de negocio que socava os dereitos humanos e sociais. Non podemos permitir que, ante unha situación como a que vivimos durante o confinamento, as administracións públicas nos impidan ir ás nosas leiras, coidar aos nosos animais, ou pechando os mercados labregos mentras fomentan o consumo masificado nas grandes e medianas superficies comerciais, ao tempo que seguen promocionando a concentración intensiva do gando”, alertou a secretaria Xeral do SLG.

Vilalba tamén reiterou a responsabilidade do Goberno galego e estatal na "destrución do modelo labrego e no aceleramento do despoboamento rural", concretando exemplos como “a aprobación dunha Lei da Cadea Alimentaria que segue sen impedir a venda por embaixo de custos, o deseño dunha nova PAC ao servizo da agroindustria, ou a limitación de dereitos tan fundamentais para a cidadanía como é o da participación, unha das estratexias da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijoo para favorecer o acaparamento de terras na Galiza por parte de grandes empresas enerxéticas”.

Por último, Vilalba concluíu reivindicando a soberanía na toma de decisións, a democracia e a solidariedade con todas as persoas labregas e traballadoras do mundo como compoñentes esenciais do accionar do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, demandando o recoñecemento da alimentación como un imperativo esencial para a sociedade. “Que haxa moitos labregos e labregas é unha cuestión fundamental. Nós non producimos calquera produto, queremos producir alimentos saudábeis e nutritivos e que coiden a terra. O que defendemos está máis vixente ca nunca, e precisamos máis que nunca unha ferramenta para defendernos. Esa ferramenta é o Sindicato Labrego Galego. Facendo nosas as palabras de Manuel María: a Galiza labrega é a nosa bandeira, a Galiza labrega é a nosa patria”.

0.15422892570496