Ital Roots e Long Fingah estarán no festival Tremeterra Fest a finais de agosto

SarriaXa
O cartel do Encontro suma xa 19 artistas confirmados para unha edición que promete converter unha vez máis o Encoro de Vilasouto nun epicentro do reggae e o dub
Tremeterra-2024
18 Jun 2025

O festival Tremeterra Fest vén de anunciar a incorporación de dous novos artistas ao cartel do IV Encontro Soundsystem da Terra Brava, que se celebrará os días 29 e 30 de agosto no Encoro de Vilasouto, no Incio.

A primeira das novas confirmacións é Ital Roots, un colectivo galego activo dende 2015 e coñecido polas históricas sesións Rootsman Corner en Vigo. Co seu estilo característico baseado nunha selección 100% en vinilo, propoñen unha viaxe polos ritmos do ska, rocksteady, dancehall e moito rub-a-dub con sonoridades dos anos 80 e dubplates exclusivos.

A segunda incorporación vén dende Alemaña. Trátase de Long Fingah, veterán da escena soundsystem internacional activo dende finais dos anos noventa, que fixo soar a súa voz en festivais de todo o mundo. Ao longo da súa traxectoria colaborou con formacións lendarias como Mungo’s HiFi, Dubmatix ou Zion Train.

Con estes dous novos nomes, o cartel do Encontro suma xa 19 artistas confirmados para unha edición que promete converter unha vez máis o Encoro de Vilasouto nun epicentro do reggae e o dub feitos dende a terra e para a terra.

⚙ Configurar cookies
0.15314912796021