Iván Santacruz, un dos grandes ilusionistas infantís de España, estará no XX Festival Internacional de Maxia de Sarria

O XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, que se celebrará do 18 ao 24 de agosto, continúa revelando sorpresas no seu cartel e anuncia a participación, por primeira vez na vila, do recoñecido mago infantil Iván Santacruz.
Considerado un dos grandes nomes da maxia destinada ao público máis novo, a súa presenza supón un auténtico luxo para unha cita que cada ano gaña peso no panorama nacional.
A organización destaca que Iván Santacruz é unha figura consagrada no mundo da maxia infantil, cunha longa traxectoria profesional chea de éxitos e espectáculos que deixan pegada nos máis pequenos. “Sempre intento coidar ao máximo as sorrisos da cativada, para que vivan experiencias inesquecibles, e por iso é unha honra que Iván nos acompañe este ano”, sinala Roberto Lolo.
O artista chega a Sarria con espectáculos deseñados para fascinar, emocionar e facer rir a nenos e nenas, que poderán gozar da súa creatividade e do seu talento en diferentes funcións ao longo da semana do festival.
A organización quere agradecer especialmente o esforzo de Santacruz por formar parte deste encontro máxico e dálle a benvida: “Esta é a túa nova casa e tes nas túas mans aos pequenos de Sarria, que son pura maxia. Sabemos que o van pasar en grande cos teus shows”.