Jonathan López: “É un orgullo ver que o pobo responde tan ben ao Master Sarria Futbolín”

SarriaXa
Falamos co presidente da asociación Sarria Futbolín, Jonathan López, que organiza o Master Futbolín Sarria
equipo-futbolín-Sarria
29 Oct 2025

Jessica Fernández

Como xorde a asociación Futbolín Sarria?

A asociación nace no ano 2015 cando un compañeiro e eu, que participabamos nun campionato, falamos sobre recuperar o Master de Sarria, que había dous anos que non se celebraba. Un dos requisitos que nos pedían para facer a asociación para optar a axudas era facelo un pouco máis profesional. Así, celebramos o noso primeiro Master, que era a sexta edición, tomando como referencia as anteriores. Neste, que foi na sala Litmar, repartimos máis de 4.000 euros en premios e contamos coa participación de 60 parellas na categoría de movemento. Hoxe en día, participan o dobre de parellas, como o ano pasado, que tivemos 122 parellas; e este ano chegaremos a repartir máis de 9.000 euros en premios. Así, fomos ano a ano aumentando tanto a participación das parellas e os premios.

Por que cambiou a data? Comezaron en agosto e agora estano celebrando en novembro.

Ao principio celebrámolo en agosto e decidimos traelo máis cara ao inverno porque coincide máis coa tempada de xogar ao futbolín. Ademais, falando cos locais de Sarria dicíannos que no verán están cheos polo Camiño de Santiago e agora en novembro caía un pouco a cantidade de xente que viña ao pobo, entón decidimos tamén traelo a estas datas para fomentar a economía local de Sarria. E, tamén, facilitar que a xente, despois do Master, siga xogando ao futbolín.

Non adoita participar só xente de Sarria.

Non, tamén vén xente de Galicia, de Asturias, de Cantabria, de Valladolid, de Castellón, e incluso do sur. Vén xente de toda España porque o reclamo son os premios, xa que a xente non pode vivir do futbolín. Algunha xente pode sacar unha rendibilidade ao participar nos campionatos de España, pero non se pode vivir, entón o noso Master chama a moita xente.

Como aporta esta actividade?

Eu fágoche unha pregunta a ti: Quen non xogou nunca unha partida ao futbolín? Eu empecei a xogar co meu amigo Manuel no bar Joaquín cando estabamos no IES Gregorio Fernández con 17 anos. Logo, empezamos a competir, e ata agora. E é unha actividade que engancha e, se se che dá ben, mellor.

Entón, a organización deste Master é a vosa contribución ao futbolín.

Si, a nós encántanos esta actividade e parécenos importante fomentalo e dedicarlle tempo. Ademais, Sarria está moi vinculada ao mundo do futbolín. Nós no Master imos facer retransmisións, teremos unha mesa central desde a que emitiremos todo en directo durante todo o día e imos poñer unha pista central con gradas para os espectadores.

Que vai aportar o Master a Sarria?

É un evento moi especial, son tres días seguidos cun ambiente incrible, onde se crea unha convivencia tanto deportiva como lúdica. A nivel gastronómico tamén é moi atractivo, porque todo forma parte da experiencia. Estás en Sarria todo o día, participas no Master, e logo vas cear, saes de festa... Intentamos potenciar un pouco máis a economía local. Valoramos moito o apoio ao futbolín en Sarria, non só nos locais, senón tamén por parte dos institutos, xa que un día antes montamos as máquinas porque queren xogar os pequenos e imos alí a xogar con eles e darlles algún consello de como mellorar. E valoramos moito que o IES Xograr comprara futbolíns para fomentar a práctica desta actividade durante os tempos de lecer. É un orgullo ver que o pobo responde tan ben desde todos os ámbitos é moi bonito e gratificante.

Cóntenos máis de como vai ser o evento.

O venres 31 de outubro comezamos cunha categoría local e amateur para que participen todas as persoas de Sarria que queiran nun ambiente distendido e ameno, no que todo o mundo pode xogar con todo o mundo. Quen queira, que veña, que probe. O importante é pasalo ben e recibir os premios que imos repartir. Despois, ás 22.30 horas teremos unha categoría combinada na que xogar con xente de fóra. Logo, o sábado e o domingo temos movemento, categoría reina, con tres niveis: elite, primeira e segunda. Aquí a xente que gaña, vai subindo de nivel, e quen perde, marcha nun sistema de dobre KO, tes dúas vidas, polo que xogas moitas partidas, que é no que consiste para pasalo ben. No parado tamén temos tres niveis e o mesmo sistema. Tamén queremos resaltar a categoría feminina, na que xogan só mulleres, aínda que algunhas tamén compiten en absoluto. Nesta categoría entregamos premios por menos valor económico porque se presentan menos rapazas, pero cada ano aumentamos os premios e seguiremos facéndoo, esperando que cada vez participen máis mulleres. Ademais, tamén facemos durante os tres días sorteos para fomentar que veña a xente.

Cales son os proxectos de futuro?

Estivemos falando cos locais de Sarria para facer unha liga local porque hai moita xente nova xogando nos bares que estou intentando convencer para que vaian ao Master, pero teñen medo porque nunca competiron, pero hai que poñerse a xogar e por algo se empeza, hai que perder o medo. Tamén nos gustaría contar cun local social para poder xogar alí, pero é complicado porque non queremos que iso afecte á economía local. Pero, o máis importante é que queremos meterlle o gusto á xente porque temos que loitar para que o futbolín se considere deporte, porque ten unha parte técnica, física e mental, e táctica incluso. Se o ves en directo, dentro dunha partida hai un nivel mental moi importante e un nivel táctico, de concentración e de coordinación co teu compañeiro. Porén, leva tempo e hai moitos intereses económicos detrás porque hai moitas marcas de futbolín diferente, pero chegará algún día.

Queren destacar algo máis para quen nos estea lendo?

Nós facemos moito fincapé en que veña toda a xente do pobo ao Master, que será o 31 de outubro, e 1 e 2 de novembro no pavillón dos Institutos, e cada vez vén máis xente, algo que sorprende ata as institucións. Ás veces temos entre 300-400 persoas concentradas xogadas ou vendo como outros xogan. Isto é posible grazas á colaboración do Concello de Sarria, á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia, e tamén a todos os patrocinadores, negocios de Sarria e da comarca que poñen o seu graniño de area para que isto saia adiante e subir os premios ano a ano, por iso estamos moi agradecidos.

⚙ Configurar cookies
0.067510843276978