Jorge González, adestrador da SD Oural: “Somos moi humildes para a categoría na que xogamos”

Jessica Fernández
A SD Oural arrinca a tempada 2025-2026 con novo adestrador ao mando, Jorge González Lemos, un nome ligado á entidade desde hai máis dunha década, primeiro como xogador, logo como directivo e agora como adestrador principal trala marcha de Negrete. A súa chegada ao banco supón a continuidade dun proxecto que quere manter a esencia do club, baseado na humildade, no esforzo colectivo e no compromiso dos xogadores.
O técnico afronta este labor “con moita ilusión, porque é un equipo no que estiven moitos anos como xogador e directivo, e, en conxunto, somos un grupo de amigos que intentamos afrontarnos a equipos grandes, tendo moita confianza en nós mesmos e ilusión, que é a palabra que nos define”, sinala González Lemos ao explicar como afronta este novo desafío. A súa vinculación coa SD Oural non é de agora; a súa traxectoria formouse entre os campos e vestiarios do club: “Eu empecei a xogar na Oural hai 10 anos, xogando con amigos e formando un grupo deportivo interesante; e hai uns anos empecei a adestrar outros equipos e non podía compaxinar, entón deixei de xogar e colaborei na directiva. Este ano, como Negrete decidiu parar, din ese paso adiante”.
O ex-xogador recoñece o valor do seu predecesor e a importancia de manter a continuidade: “Para nós, Negrete podía adestrar os anos que quixera porque é moi bo técnico e persoa, pero, cando o deixou, queríamos a alguén que coñecera o grupo; alguén da casa e que coñeza as características do equipo, como son os xogadores, como é a realidade. Eu tiña o título de adestrador e deixaba o equipo que adestraba o ano pasado, polo que a situación encaixaba para que eu saíra elixido”.
A identidade da SD Oural tamén pasa pola súa capacidade de formar e manter unha base de xogadores comprometida, aínda que sen equipos de base propios como outros clubs da categoría. González Lemos detalla: “Equipos base como tal non temos, pero a xente que ven está contenta e non adoita marchar. Somos moi humildes para a categoría na que xogamos, e somos rapaces de Sarria cun traballo que, ás veces, é difícil de compaxinar coa nosa paixón, pero aínda así facemos o posible para adestrar”, sostén.
O OBXECTIVO DA TEMPADA
Por outra banda, Lemos recoñece que a categoría na que compite a SD Oural é “complexa e competitiva”, con equipos recén ascendidos, outros que descenderon de Preferente e con clubs que contan con canteira ou proceden de concellos grandes. “Imos competir contra equipos de concellos como Castro de Rei ou Foz, e tamén equipos grandes da cidade de Lugo como A Residencia, e nós nese sentido somos humildes, pero imos intentar ser competitivos e seguiremos aprentando ata o último minuto. Polo tanto, o obxectivo é manterse e a salvación. Pero o máis importante é ser o máis competitivo posible e, a partir de aí, que sexa o que teña que ser”.
O adestrador tamén destaca o valor humano e deportivo do seu cadro de xogadores, composto maioritariamente por novos. “Hai que destacar o equipo que é moi novo. De 25 xogadores, temos 4 ou 5 con máis de 30 anos, e os demais son todos novos. Temos xogadores como Cayuela, que é un dos mellores xogadores da Liga, e logo temos a Diego, o capitán, entre outros, que deixan todo no campo e son un exemplo a seguir. Tivemos baixas e tamén fichaxes e incorporacións que, polo momento, se integraron xenial. Estamos moi contentos; hai un grupo moi comprometido. Ademais, a asistencia a adestramentos foi moi alta na pretempada e están formando un grupo humano que necesita desfrutar do deporte, que é o que queremos como club”.
O compromiso coa comunidade e co entorno tamén forma parte do proxecto do club. González Lemos subliña a implicación das institucións e patrocinadores locais: “O Concello de Sarria axúdanos e agradecemos moito tanto ao Goberno local como patrocinadores, empresas, socios… que axudan en todo o que poden. Temos un campo que xestionamos nós e traballamos moitísimo nel, xa que os arranxos facémolos nós e iso dá traballo, pero é o noso campo e é un traballo que se fai con gusto”.
Neste inicio de tempada, a SD Oural busca consolidar un proxecto sostido na experiencia de xogadores veteranos, a enerxía de mozos e a conexión cos afeccionados e coa cidade de Sarria. A aposta por un adestrador que coñece o club desde dentro reflicte a vontade de manter unha liña de traballo clara, baseada no esforzo, na humildade e na ilusión. Como resume Jorge González Lemos, “somos un grupo de persoas que poden medrar e desfrutar do deporte, e todo o mundo que queira pode vir a adestrar, e iso é importante como labor social e deportiva no Concello de Sarria”.
A tempada 2025-2026 da SD Oural ten unha meta clara: ser competitivos, desfrutar do fútbol e consolidar unha entidade que segue apostando por valores como a amizade, a perseveranza e a pertenza á comunidade local.