Jose Antonio Rodríguez, adestrador da SD Sarriana: "Son un equipo na súa máxima expresión"

SarriaXa
O novo adestrador do primeiro equipo do club de fútbol sarriao valora o traballo dos xogadores do equipo e destaca positivamente as súas primeiras impresións
adestrador-SD-Sarriana-Jose
22 Feb 2025

Este domingo, o primeiro equipo da SD Sarriana, que compite na 3ª RFEF, enfrontarase contra o Carballedo CF no campo da Ribela, en Sarria, logo da súa recente vitoria contra a UD Somozas.

O adestrador do equipo, José Antonio Rodríguez, leva algo máis de dúas semanas ao mando da plantilla, e afirma ver aos xogadores con moitas gañas de manterse. "Eles saben que foi un camiño difícil de chegar a estes postos e sobre todo manterse; véxoos con fame, que é o importante", destacou.

José Antonio Rodríguez, ourensán de 36 anos e que vén de adestrar ao Alondras de Cangas na tempada 2022-2023, continúa co traballo feito por Guillermo Oriol e Jaime Paz, e amosa a súa ilusión e preparación para afrontar o reto. "Estaba preparado para afrontar esta situación. Estou ilusionado porque quero axudar, que é do que se trata", comentou o técnico.

A SD Sarriana atópase actualmente na parte alta da táboa clasificatoria, o que lle abre a posibilidade de participar no playoff de ascenso. Porén, José Antonio Rodríguez recalca que a mentalidade do equipo debe centrarse en cada partido. "O pensamento do equipo debe ser querer facer bos partidos e centrarnos no curto prazo, pensar máis aló da semana que che toca é un erro e desvirtúa a situación do equipo. O que está feito permítenos estar onde estamos, pero ir semana a semana é o importante. Ademais, é importante controlar as expectativas, porque poñer o foco en algo que non tes no horizonte é irreal", afirmou. Rodríguez engadiu que "en 7 días pasas dunha situación moi boa a unha moi mala, e hai que desfrutar a situación actual e traballar ben partido a partido".

Finalmente, o adestrador quixo resaltar o traballo colectivo do equipo: "Todos fan un traballo impresionante, son un equipo na súa máxima expresión e todos contribúen a que o equipo flúa", concluíu.

A SD Sarriana continuará loitando por manter o seu posto na clasificación e seguirá centrada en dar o mellor de si mesma partido a partido.

0.14938497543335