José Fernández, da Asociación de Comerciantes de Samos: “A nosa actividade axuda a darlle vida ao pobo”

SarriaXa
A asociación fai máis de trinta anos de actividade cunha feira de referencia, iniciativas culturais e gastronómicas e proxectos que miran ao futuro
Jose-Comerciantes-Samos
19 Oct 2025

Jessica Fernández

En Samos, a vida social, cultural e comercial leva tres décadas ligada a unha entidade que se converteu nun motor esencial para o municipio. Trátase da Asociación de Comerciantes e Profesionais de Artesanía, que preside José Fernández Vázquez, quen lembra que todo comezou coa celebración do Xacobeo 1993. “A asociación nace no marco do Xacobeo 1993, eu naquel momento era concelleiro. Entón, xurdiu co obxectivo de dar a coñecer un pouco os produtos do concello”, explica. Aquel ano, Fernández presentou unha moción que foi aprobada por unanimidade e permitiu organizar a primeira feira de artesanía en Samos, celebrada na leira da farmacia, ao carón do Mosteiro. “Para poder poñer en marcha a feira, hai que crear unha asociación, polo que nos poñemos mans á obra a partir do ano 1994”, lembra.

Desde aquela, a entidade mantivo unha traxectoria chea de iniciativas, aínda que tamén con períodos de pausa. “Houbo algún parón. A Feira fixo este ano a 25 edición, pero do ano 2019 ao 2023 non se celebrou por falta de colaboración do Goberno local. A partir do 2023 rexorde tamén co cambio de Goberno”, subliña o presidente.

A asociación ampliou co tempo o abano de propostas, dirixidas tanto á veciñanza de Samos como a persoas doutros municipios da contorna. “Agora facemos d moitas actividades, como excursións que se fan para os veciños de Samos, pero tamén veñen do Incio, de Sarria e de Triacastela”, relata Fernández. Un dos eventos con máis éxito é o concurso de tapas, que xa vai pola súa 14ª edición. A iso súmanse a festa da castaña, os entroidos, obras de teatro ou a creación da Aula do Obradoiro Padre Feijoo, na que colaboran quince profesionais de distintas disciplinas. “Tamén facemos a festa da castaña coa colaboración do concello, os entroidos, tamén se creou por primeira vez a Aula do Obradoiro Padre Feijoo que ten 15 protectores de distintas profesión, e tamén obras de teatro”, apunta.

O CONCURSO DE TAPAS

Dentro do calendario, o concurso de tapas converteuse nunha cita imprescindible para dinamizar a hostalaría local. “Este ano o concurso de tapas é, como cada ano, a última fin de semana de outubro, os días 25 e 26. Durante eses días, catro ou cinco establecementos de Samos ofrecerán dúas tapas, unha tradicional e unha innovadora, ás persoas que queiran desfrutar da calidade das tapas, algo que se valora moito á hora de votar”, explica o presidente.

As propostas teñen un prezo accesible, entre 1 e 2,5 euros, e o público asistente é quen decide cales son as gañadoras. “Cando remate, desde a asociación faremos o reconto de votos e decidiremos o local gañador da tapa tradicional e o local gañador da tapa innovadora. Despois, faremos un sorteo a man alzada no que meteremos todos os nomes dos concursantes e sortearemos unha cea gratis para dúas persoas”, engade.

Segundo Fernández, o concurso triunfa porque combina gastronomía, participación cidadá e dinamización económica: “Esta iniciativa, coa que levamos 14 anos, ten moito éxito e gusta moito porque ademais de fomentar consumir nos establecementos de Samos, dámoslle vida ao pobo”.

TRINTA E DOUS ANOS DE TRAXECTORIA

Co paso do tempo, a asociación consolidouse como unha das máis veteranas da provincia en canto a actividade continua. “Valoramos moito a acción da asociación e dos socios, xa que levamos 32 anos. Non sei se haberá moita asociación na provincia tantos anos cunha actividade como a nosa”, destaca Fernández. Así, a entidade contribúe a fortalecer o tecido social dun medio rural que sofre a dispersión da poboación. “Coas nosas actividades conseguimos dinamizar o rural, conseguimos que a xente se implique, que a xente se xunte e non haxa tanta dispersión”, sinala.

O presidente recoñece tamén a importancia das institucións e entidades colaboradoras. “Agora que temos colaboración do Concello de Samos, da Deputación e da Xunta, así como dos establecementos, podemos facer máis cousas. Grazas a eles podemos levar a cabo as nosas actividades. Ademais, o Concello de Samos déixanos espazos públicos para levar a cabo as nosas actividades, así como o noso material gardámolo en instalación do concello. Pero podería haber moito máis”, asegura.

Fernández ten clara unha das principais demandas: aproveitar mellor o potencial do Camiño de Santiago e do patrimonio natural e monumental do municipio. “Sería interesante fomentar o Camiño de Santiago, que a pesar de que está bastante fomentado, habería que facer máis actividades con motivo de tantos e tantos peregrinos que pasan do mundo enteiro”, sostén. A súa proposta céntrase na cooperación entre tres actores fundamentais. “Tamén Samos necesita un triángulo de colaboración entre asociación, que é o pobo, o Concello e o mosteiro. Se funcionara ben, o pobo gañaría moito en canto a turismo, cultura, etc. Se houbera máis contacto entre as tres partes, sería mellor”, insiste.

A riqueza do territorio, afirma, é incuestionable: “Estamos realmente nun lugar incrible, o Mosteiro é o segundo maior monumento de Galicia do Camiño de Santiago despois da Catedral de Santiago. E estamos entre dúas montañas, o Carballal e o Oribio. E temos o Val de Lóuzara, o Camiño Eufrasiano… Deberiamos fomentar que houbera máis actividades para que a xente coñeza isto”.

MIRANDO CARA AO FUTURO

Os proxectos da asociación pasan por manter todo o conseguido e seguir ampliando actividades. “Desde a Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos queremos conservar as actividades que estamos facendo, e todo o que poidamos ampliar benvido sexa”, sinala Fernández. A continuidade dependerá, unha vez máis, das axudas e da implicación tanto institucional como social. “Depende das colaboracións. Sempre. Todo isto, se non hai colaboración, colaboración persoal, colaboración económica, hai varios factores que teñen que intervir. Todo custa diñeiro”, advirte.

Un exemplo é a feira de artesanía, un evento clave para a promoción do municipio. “Hai que ter en conta que, por exemplo, a feira custa moito. Este ano trouxemos 50 expositores con 8 obradoiros in situ, con demostracións. Esperamos seguir organizándoa moitos anos máis e seguir ampliando a participación”, explica. Fernández recalca a relevancia de manter esta cita: “Son moi importantes estas feiras de artesanía para mostrar os oficios e, aproveitando que a xente está de vacacións, conseguimos que veña xente e dea vida ao pobo, fomentando o turismo”. Ademais, a recuperación dunha tradición gastronómica supuxo un novo atractivo: “Ao ter agora pulpeira cada mes, algo que recuperamos, a xente anímase máis. E iso é unha forma de crear vida ao pobo tamén”.

Tras máis de tres décadas de historia, a Asociación de Comerciantes e Profesionais de Artesanía de Samos segue a ser un exemplo de como a implicación veciñal e o traballo conxunto poden revitalizar un municipio pequeno, pero cun patrimonio e unha historia de dimensión internacional grazas ao Camiño. Como resume o seu presidente, “todo custa, todo depende da colaboración, pero o que temos claro é que seguiremos traballando para que Samos teña vida, actividade e presenza”.

⚙ Configurar cookies
0.068130970001221