José Folgueiras, presidente da Asociación Muiñeira de Sarria: “A Muiñeira dinamiza o ámbito cultural de Sarria”
Por Jessica Fernández
Cando e con que motivación xorde a Asociación A Muiñeira?
A asociación xorde no ano 1995 porque fixeramos un curso na Extensión Agraria de Becerreá onde eu traballaba de micoloxía e a raíz diso empezaron a dicir que era mellor constituír unha asociación para que viñera xente de todas partes.
De onde vén o seu amor pola micoloxía?
Eu estaba na Axencia de Becerreá e no ano 1987 un día chegou un de Cervantes, que hoxe en día é o alcalde, e díxonos que viñan uns señores cunhas furgonetas ensinar micoloxía e eu non tiña nin idea nin de micoloxía, nin de setas, e púxenme en contacto con Constantino Mariño, un dos expertos do tema, e a raíz diso estivemos no monte e fixemos un curso ao cal viñera o referente na micoloxía. Así foi como xurdiu a miña afección por isto. Desta maneira, reuniámonos e sempre houbo un curso en Becerreá cando eu estaba de xefe de Axencia alí e agora aquí.
Cales son os obxectivos da asociación?
O contacto coa natureza, descubrir os diferentes tipos de cogomelos, compartir un tempo con persoas coa mesma afección ca ti… esta é unha afección que cando empezas gústache, hai xente que veu para aprender sobre setas para consumo propio, outros porque lles gustaba a fotografía...
Cantas persoas forman a asociación?
Os socios votan uns anos e xa cando coñecen a asociación e o sector, marchan. Os de sempre quedan e algúns únense agora, polo que vai variando o número. Cando empezamos, había sobre 100 e pico persoas, e agora por exemplo hai arredor de 70 persoas, aínda que nas xornadas veñen máis persoas que se unen.
Son tempos distintos; agora hai máis interese pola ecoloxía que non había no 87, son mundos diferentes, pero eu vexo que a xente está interesada pola micoloxía. Nas xornadas participan persoas de Sarria, de Monforte, e dos concellos da comarca, e de asociacións, como os da asociación Val de Láncara, que veñen varios ás xornadas, mentres que de Sarria tamén vén xente de diferentes asociacións.
Cales son as actividades que organizan e por que en Sarria?
É unha asociación que dinamiza o ámbito cultural de Sarria. A xente ten interese na micoloxía e a asociación vale para as persoas ás que lles guste natureza e a micoloxía poidan desfrutala. Ademais, incidimos moito cos cativos, xa que imos cos pequenos da Asunción e do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria ao monte. Ademais, todos os anos facemos na Casa da Cultura unha exposición de setas durante dous días e pasan por ela moitísimos rapaces de todos os centros educativos aos que convidamos, aínda que tamén poden ir independentemente pola súa conta a velas.
Esta exposición organízase desta maneira: Facemos unha charla de iniciación á micoloxía e outra para veteranos sobre como recoller as setas e como manter o medio natural durante unha semana en outono. Logo, facemos a recollida das setas o sábado e o domingo despois desas charlas; a primeira recollida é nunha zona frondosa e a seguinte adoita ser nun piñeiral. Con esas setas recollidas, levamos a cabo a exposición na Casa da Cultura de Sarria, que está dous días exposta, o luns e o martes. O mércores recollemos, xa que xa non están igual.
Os nenos marchan moi contentos despois de ver a exposición e depende da implicación do profesor aínda poden facer un traballo. Hai alumnos que incluso se uniron á asociación con nós e algún sabe tanto que nos sorprendeu, como un neno que, nunha charla que fixemos e á que veu Mariano García, experto en setas, e Antonio Rigueiro, da USC; nos preguntou se un boletus mollado era tóxico, e sorprendeunos.
Cales son os proxectos de futuro?
Este ano comezamos un curso de cestería, xa que esas cestas valen para logo ir recoller as setas, e logo cada ano facemos unhas camiñatas ao monte, charlas, a exposición anual e cursos de micoloxía.
O noso proxecto de futuro é seguir coa actividade que levabamos facendo ata o de agora e seguir divulgando isto, non temos uns expertos espectaculares, pero cada persoa controla uns modelos concretos de cogomelos, e non temos intención de meternos en temas de investigación.
Teñen colaboración con outras entidades ou asociacións?
Non necesitamos axudas económicas, non nos preocupan as subvencións porque a burocracia leva moito tempo. Nós levamos ao monte uns bocatas e nada máis. Pero so que é certo que o Concello de Sarria facilítanos a Casa da Cultura e sempre están dispostos para todo o que lle pedimos.