José Manuel Nunes, ex alumno de Jaime Lago, escribiu un texto para honrar a súa vida
Un antigo alumno do CPI Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao de Láncara, José Manuel Nunes Vilar, vén de elaborar unha carta de despedida para don Jaime Lago Rodríguez, que foi director dese colexio e faleceu recentemente nun accidente en Lugo.
Natural de Saa, no municipio de O Páramo, foi o mestre de varias xeracións e considerado como unha persoa singular, xa que, segundo este veciño da Pobra, se implicou persoalmente con toda a súa vontade no desenvolvemento de actividades culturais do colexio e que deixou unha pegada moi fonda nos alumnos.
O texto di así:
Un monumento a Don Jaime, o director por excelencia. Que non se esqueza a historia local do centro educativo da Pobra de San Xiao.
Unha mensaxe a aqueles que ocupen ou vaian ocupar postos de poder. Vale, tes poder, podes por acción ou omisión prexudicar ou favorecer á xente. Pero cando non esteas, como serás lembrado?
Don Jaime Lago Rodríguez era o director por excelencia, pero será lembrado e estará no corazón dos que tivemos o privilexio de ser os seus alumnos e amigos por quen foi como persoa, e non pola figura de director.
O pasado 29 de agosto, un fatídico accidente segou a vida dunha persoa ilustre que deixou unha pegada de afecto, agradecemento e admiración no corazón de moitas xeracións. Mentor! O maxisterio no seu significado máis profundo: de tutela, protección, consello, referente, agarimo e paternidade.
Don Jaime Lago Rodríguez fai parte da miña infancia, como da de tantos alumnos e alumnas de distintas xeracións. Fai parte desas lembranzas tecidas cun gran sentimento, hoxe gardado coa saudade que concede o tempo.
Poderíase dicir que por ser veciño da casa natal do meu avó, en Saa, no Páramo, por ser amigo da familia, mestre do meu pai e tíos explica a súa amizade comigo, desde infantil até segundo da EGB, moitos anos antes de darme clase, cando na ringleira da saída, día de fin da avaliación trimestral, con voz paternalista, me dicía: “A ver, Josito, déixame ver o caderno de notas”. Aquela cartolina dobrada ao medio, de cor sepia, cos seus cualificativos de PA/NM (promociona axeitadamente ou necesita mellorar).
Pero a súa amizade, os seus bos desexos cara a min, a súa man amiga, nacía del mesmo. É desas cousas que ben, no momento aprecias, certamente, pero é co paso do tempo que percibes un incuantificable valor.
Tamén, como un pai, exercía a autoridade e reprendía con firmeza se era necesario, non por iso deixando de querer menos a un. E iso é algo propio dun mentor.
Sei que tivo un feudo difícil con algúns alumnos, pois tamén era unha persoa moi firme, con forte carácter. Porén, no que respecta a min, só teño boas lembranzas del, lembranzas que tamén se tecen con don José Manuel Bande, que só daba clase cando por un ou dous días faltaba o profesor da materia ou cando o cruzabamos nos corredores e no comedor, pero ao igual que Don Jaime, facía parte desas figuras docentes tan queridas e que definiron a infancia de moitos de nós.
E canda eles dous, como non, cabe nomear a figura de Manolo, o conserxe, que deixaba polos corredores un aroma de fume de folla americana. De feito, en datas sinaladas, como o Día das Letras Galegas, don Jaime acompañábao e, se non me engano, tamén con don José Manuel Bande, cunha das Farias habituais de Manolo.
Se o actual profesorado do CPI Ramón Piñeiro soubese de como eran aquelas festas, mesmo con banda propia de gaiteiros... Tamén é certo que outra gran virtude de don Jaime era a súa filiación co colexio, máis alá dunha simple relación laboral. Tiña unha fonda conexión sentimental co centro educativo, que se manifestaba nunha grande implicación coa organización de eventos e co desenvolvemento de actividades culturais por parte do mesmo.
Sabedes o que? Boto en falta no cole, dalgún xeito, nas súas paredes, espazos comúns e corredores, moitas máis fotografías e testemuñas daqueles tempos. Falta un pouquiño ese recoñecemento á historia local do centro educativo e, por extensión, do municipio.
Un monumento ao Director por excelencia, don Jaime Lago Rodríguez.
Hoxe, gustaríame dicirlle que as súas ensinanzas non foron un esforzo fútil nin efémero, senón que foron piares claves na construción de quen son, que fixeron parte do meu proceso formativo, como o de moitísimos máis dos seus alumnos e alumnas que, hoxe, seu alumno e amigo, grazas á súa boa influencia, desenvolveu unha grande filiación pola literatura galega, entre outras artes, e mesmo que desde hai anos me licenciei en Humanidades pola USC.
Don Jaime, teus alumnos e alumnas sempre te levaremos no corazón. Requiescat in pace, magister.