José Moscoso, presidente das Cavarcas: “Desde as institucións non se atende o patrimonio do Incio”

SarriaXa
José Moscoso, presidente das Cavarcas: “Desde as institucións non se atende o patrimonio do Incio”, por iso estableceron unha que si
Asociación As Cavarcas O Incio
2 Jul 2023

Falamos con José Moscoso Vizcaíno, presidente da asociación cultural As Cavarcas.

Como nace a Asociación As Cavarcas do Incio?

A asociación cultural As Cavarcas bota a andar no ano 2021 co propósito de conservar, recuperar e poñer en valor todo o patrimonio natural, histórico e cultural que sexa posible, dentro das limitacións que ten unha pequena asociación.

Había necesidade dunha asociación así no Incio?

Vemos que dende as institucións non se atende como se debería o patrimonio que os nosos antepasados non deixaron e cremos que isto pode e debe formar parte do progreso de lugares que están vendo como cada vez queda menos xente nas aldeas.

A nosa intención é poñer o que se poida de maneira asociativa para que recuperar o patrimonio natural, cultural, material e inmaterial (que é moito) do Concello do Incio.

Por quen está formada?

A asociación está formada por xente de todas as idades, principalmente veciñanza do Incio, pero tamén de concellos veciños como Bóveda ou Sarria, entre outros.

Somos actualmente en torno a 40 socios e estamos abertos a toda a xente que se queira asociar. Poden poñerse en contacto con nós por medio do correo ascavarcas@gmail.com.

Onde se reúnen para ter as reunións?

Os cursos e xuntanzas realizámolos no local multiusos do Mercado Gandeiro do Concello do Incio.

Que actividades ou iniciativas se organizan?

O pasado ano organizamos tres actividades concretas: un curso de enxerto e mantemento de castiñeiro, xa que a zona do Incio é moi rica en Soutos e parécenos que coa desaparición das xeracións máis vellas estase perdendo o coidado destas valiosas arbores; un curso de poda e mantemento de froiteiros e un curso de recoñecemento de fungos.

Todos estes cursos foron impartidos por profesionais na materia e tiveron unha excelente acollida entre xente de todas as idades.

Algunha actividade que teñan pensada para estes meses vindeiros?

Estamos traballando para este ano en seguir na mesma liña para conseguir facer as mesmas tres actividades do ano pasado.

Tamén andamos na procura de fondos para a recuperación e posta en valor de dous enclaves singulares dentro do noso concello: os petróglifos dos Montes de Vilasouto e os antigos Caleiros de pedra calcaria na parroquia de Toldaos.

Teñen apoios institucionais?

Para as actividades polo momento contamos coa axuda económica da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo. Recentemente asinamos un convenio coa responsable desta área Mónica Freire.

Andamos tamén a procura de axudas en outras institucións como da Xunta de Galicia, do Grupo de Desenvolvemento Rural da Ribeira Sacra...

Asociación As Cavarcas O Incio 1

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16276907920837