José Soto, presidente de Patacas Novas: "Cada ano organizamos cinco actividades importantes para Láncara"

SarriaXa
José Soto, presidente da asociación Patacas Novas: "Cada ano organizamos cinco actividades importantes para Láncara"
Asociación Patacas Novas Pobra de San Xiao
26 Mar 2023

Falamos con José Soto Lópes, presidente da Asociación gastronómica e cultural Patacas Novas da Pobra de San Xiao, en Láncara.

Cando se fundou esta asociación e con que motivo?

Fundouse en 2015 a raíz de que un grupo de persoas nos xuntabamos na Pobra de San Xiao, Láncara, e organizabamos actividades entre amigos e veciños. Comezamos coa fogueira de San Xoán para darlle visibilidade ao que faciamos e que se apuntara máis xente.

Así, unímonos administrativamente e actualmente somos 21 persoas asociadas que pagamos unha cota mensual para manter o local. A parte, cando hai actividades, as persoas que veñen pagan o que se require no momento, xa que non temos axudas de parte de ningunha administración: nin dos concellos, nin da Deputación, nin da Xunta.

Cal é o obxectivo desta asociación?

O obxectivo desta asociación é darlle cobertura ás actividades que facemos os veciños de Láncara e que participemos todos de actividades colectivas organizadas pola xente do pobo.

Que actividades organizan?

Facemos o mesmo todos os anos: polo Entroido facemos unha festa, logo en xuño organizamos o San Xoán, en agosto facemos unha quedada de motos polas festas de San Roque, en Samaín organizamos unha festa e ao longo do ano facemos rutas polo Camiño Real que pasa por Láncara desde Pedrafita para darlle visibilidade.

Fáltanos ademais facer un tramo de ruta que vai desde Reboredo ata Santa Comba que quedou pendente desde o covid hai tres anos.

Onde se xuntan?

Nestas actividades xuntámonos no local e organizamos a festa, e sempre acabamos cunha parte final gastronómica de comida, xa sexa cocido, churrasco, uns pinchos, unha espicha de viño...

Hai algunha iniciativa para incorporar no futuro?

No futuro non temos ningunha cousa distinta planificada ao que xa estamos facendo porque non temos marxe de manobra.

Os gastos son os que son e a cota que temos dos asociados dan para facer as actividades que temos previstas, se tiveramos axudas sería diferente e poderiamos pensar máis aló.

Teñen apoios institucionais?

Non temos axuda de ningunha administración, nin subvencións nin nada, nin tampouco colaboramos con entidades e asociacións de fóra de Láncara.

Só colaboramos con agrupacións de Láncara como Val de Láncara, Mulleres Rurais da Pobra de San Xiao, Esmorga... para facer cousas conxuntas que poñan en valor o municipio, que é pouco coñecido, como a ruta do Camiño Real.

0.15658807754517