José Vilela, de Talleres Vimetal: "Traballamos moito, pero gústanos o que facemos"

SarriaXa
Falamos con Jose Vilela, xerente do negocio Talleres Vimetal de Sarria, a carpintería metálica da localidade
Talleres-Vimetal
3 Nov 2024

Por Jessica Fernández

Como se pon en marcha o negocio?

O negocio ponse en marcha hai dous anos a finais deste ano. Somos dous socios que levamos 20 anos no sector do metal e nos asociamos porque somos irmáns que tiñamos a idea de montar algo noso apelido é Vilela, polo que fusionamos Vilela e Metal, dando lugar a Vimetal. A verdade é que de cara ao traballo, temos que recoñecer que todo foi moi ben estes dous anos. Tivemos moita carga de traballo porque xa nos quedamos con algún cliente que tiña o anterior, outros que foron xurdindo, outros que coñeciamos de traballar noutras empresas... Nós sempre tivemos a idea de montar algo así, pero estivemos moitos anos traballando para outras empresas porque ademais aquí en Sarria, ao non haber solo industrial, non hai moita posibilidade de alugar ou comprar naves, polo que se foi alargando a cousa. Ao xubilarse o señor, deixounos o taller, e así foi como xurdiu.

Que servicios e produtos se ofrecen?

Sobre todo, ofrecemos produtos, aínda que tamén facemos arranxos, pero o que máis, fabricación de produtos. Temos unha carpintaría metálica na que elaboramos cancelas, peches, automatismos para esas portas, facemos tamén estruturas en canto a cubertas, entreplantas, nave pequena... e despois traballamos en aceiro inoxidable, que aquí na comarca hai pouca xente que se dedique a iso. Fabricamos todo tipo de portas metálicas, varandas, escaleiras metálicas... todo o que deriva de carpintería de metal de ferro e de aceiro inoxidable. Non facemos moito de aluminio, o que facemos é sempre soldado en portas, etc.

Con que ferramentas traballan?

Nós, aquí, o que máis utilizamos é serra de cinta para cortar a medida en fabricación; e logo utilizamos ferramentas de soldadura e ferramenta pequena. Temos algunha pregadora, unha máquina pequena coa que facemos algo pequeno para nós, pero cando hai que facer algo grande, subcontrátase.

Como é o contacto co cliente?

Co cliente temos un contacto moi persoal, porque este é un pobo pequeno no que todos nos coñecemos. Ademais, como xa dixen, dos clientes que temos, moitos xa eran coñecidos por nós por traballar noutras empresas ou clientes da anterior empresa, polo que temos bo contacto. Hai unha comunicación fluída porque ás veces os clientes non saben como executar o que piden, entón asesoramos e aconsellamos como queda mellor e máis cómodo. Eu sempre lle aconsello a todo o mundo que se deixe aconsellar por un profesional. Se á miña casa vén un pintor, eu déixome aconsellar porque o profesional está todo o día no sector, vendo os produtos que hai, etc. O que está claro é que temos que ter unhas garantías, que se algo está mal hai que solucionalo, que para iso estamos, e non podemos poñer un produto e que non funcione. De feito, arranxamos cousas que foron feitas por traballo doutra empresa. Por iso, quedan contentos, son fieis e utilizan o boca a boca para recomendarte.

En que lugares actúan?

Sobre todo, actuamos en Sarria, na comarca de Sarria e en Lugo, temos algún cliente de fóra, pero o noso forte é Sarria e comarca de Sarria. Temos varios clientes de Monforte arredores, e tamén algún cliente de Foz. Ademais, o 70 % do noso traballo é con empresas, o resto son particulares.

A nivel de traballo, como se organizan?

Organizámonos entre o meu irmán e eu, só estamos os dous. Traballamos diariamente unhas 10-12 horas cada un porque en 8 non conseguimos atender a todo o traballo que temos. Ademais, moitas veces imos a xunto do cliente e iso xa fai que aumenten as horas de traballo. Somos dous socios e dous traballadores, aínda que nos gustaría contar con outro traballador, pero non atopamos. Non digo un profesional con experiencia, pero non hai xente con nocións do sector, é unha cousa case imposible. Aquí, todo o que facemos é a medida, non facemos nada en serie, polo que necesitamos xente con coñecemento do sector do metal e que poidamos delegar para que faga o seu traballo independentemente, pero non hai.

É un sentimento compartido o de non atopar xente para traballar.

Eu creo que no noso sector, e en todos os sectores que abarcan a construción e derivados como pintores, electricistas... todo o mundo estamos na mesma tesitura: necesitamos man de obra cualificada e non se consigue. Nuns anos vai ser un problema grave, xa que hai unha xeración de 50-60 anos que vai xubilarse e non hai un relevo xeracional nos oficios deste tipo. Non sei que vai pasar, pero é unha situación moi complicada. Non hai persoal e cada vez menos empresas do sector da construción e edificios téñense que seguir construíndo. A xente que hoxe ten 60 anos e que leva toda a vida dedicada a oficios tería que estar formando a rapaces novos e transmitindo eses coñecementos a xente nova, pero non está pasando.

Poderían comentarnos algún proxecto futuro?

Nós o que queremos é que siga habendo carga de traballo e, como proxecto futuro, poder expandirnos algo, a ver se atopamos a alguén que queira traballar. Ademais, estaría ben buscar unha nave máis grande. Levamos menos de dous anos e aínda queremos consolidarnos no sector, queremos ver como van as cousas. Pero, en xeral, estamos moi contentos, hai que traballar moito, pero gústanos o que facemos e estamos motivados en seguir. Estamos comprometidos co traballo e cos nosos clientes, e iso é o importante.

0.17944192886353