Josito López, coordinador da SD Sarriana: “Esta temporada foi todo un éxito”

SarriaXa
Falamos con José López, coordinador da Sociedade Deportiva Sarriana durante as últimas dúas temporadas en Sarria
Jose Sarriana co equipo
25 Xuño 2023

Falamos con José López, coordinador da Sociedade Deportiva Sarriana durante as últimas dúas temporadas.

Que che levou á coordinación deportiva?

Despois do paso polo Club en distintas e diferentes facetas e cargos durante catro anos, desde a Xunta Directiva fixéronme a proposición de levar a coordinación do Club e, por mor de que coñecía o Club ao que levo vinculado de maneira directa e indirecta moitos anos, aceptei esa proposta.

Este labor desde un inicio supoñíame un reto porque tiña claro que tanto ao fútbol 8 como ao fútbol basee había que darlle un considerable xiro para mellorar distintos aspectos. A Sociedade Deportiva Sarriana merece ser un referente no ámbito do deporte a nivel da provincia, temos potencial para iso máis cando toda a comarca de Sarria está envorcada co Club e polo tanto, con todos os equipos.

Como está sendo esta etapa?

O tempo que levo á fronte da coordinación, a primeira delas a pasada tempada, foi difícil de xestionar porque aínda tiñamos múltiples restricións pola pandemia e supuxo unha carga de traballo engadida á habitual.

Esta tempada foi un éxito tanto de forma cuantitativa en número de nenos como cualitativa no aspecto deportivo e persoal. Incorporamos nenos e nenas con gran potencial para un curto-medio prazo. Isto condúcenos a que todos os adestradores e preparador físico, todos eles con gran disposición e compromiso lévanos a unha continua melloría dada igualmente a implicación e formación dos mesmos.

Temos un magnífico equipo de traballo, todos sumamos e imos na mesma dirección o que nos leva a ter un recargado ambiente.

Cal é a valoración do traballo realizado durante estas dúas tempadas?

O traballo durante estas dúas tempadas non foi fácil, na primeira delas poñer todo en marcha non foi fácil porque a maiores de estar en plena pandemia houbo que poñerse ao tanto e facer unha previsión de nenos que se inscribían e outros que por mor da Covid esa tempada non deron o paso de continuar.

Facer os equipos non é nada fácil, pero finalmente deu o seu froito porque o prebenxamín quedo primeiro clasificado na segunda fase de grupos e os equipos da categoría de infantil e cadete disputaron a fase de ascenso a liga galega.

Esta tempada igualmente non foi fácil facer a distribución dos nenos nos equipos, para min, igual que para os responsables de fútbol 8 Monarca e de fútbol base Raúl. É desagradable ter que separar a nenos que estaban asentados nos equipos que algúns levaban unha ou dúas tempadas xuntos. Pero si creo que é proveitoso para eles, ábrese un círculo de sociabilización entre os propios nenos e nenas que resulta en ampliar as amizades.

No ámbito deportivo esta tempada foi todo un éxito que o xuvenil ascendese a liga galega, esta entidade deportiva ten que ser un referente a nivel provincial. Ademais, conleva a que nenos que están a xogar en liga galega ou de categoría superior poidan volver ao equipo das súas orixes e do seu pobo, competir co seu club, veciños e amigos.

Esta tempada o equipo de prebenxamín tamén se clasificou como primeiro de grupo para xogar a segunda fase que daba paso a participar no campionato galego, un gran labor de Elena. Igualmente o alevín A, que foi campión da primeira e segunda fase, os mesmos competiron e están a un nivel moi alto. A estes éxitos deportivos hai que sumar a boa tempada que fixeron os dous equipos de benxamíns así como tamén o alevín B. Este último a pesar de ser todos de primeiro ano e ir en ocasións con benxamíns competiron moi ben. Si podo deixar claro que temos unhas xeracións que veñen pisando forte.

Que valores son os que mellor definen a filosofía da SD Sarriana?

A principal filosofía do Club é traballar con aptitude, respecto, compromiso, responsabilidade, autodisciplina, perseveranza, motivación e esforzo, do mesmo xeito que, incentivar a traballar sempre en equipo. De aí resulta o benestar de todos e o vínculo social que leva á relación de todos os nenos chegados desde distintos ámbitos, colexios e localidades.

Gústame tratar e que se trate aos nenos como me gustaría que o fixesen comigo á súa idade, sempre desde a proximidade, afecto e agarimo. Non deixando de lado a esixencia. Segundo van crecendo se valoro que é importante que se debe ir esixindo conforme á idade para poder conseguir o mellor deles, bo rendemento en todos os sentidos e facetas da vida.

Cal é o presente e futuro da metodoloxía deportiva que empregades?

Esta tempada 22/23 instauramos unha metodoloxía de traballo que para a seguinte tempada verase incrementada con obxecto de que por unha banda o fútbol 8 traballe de forma acorde á propia programación a cal está plasmada con distintos obxectivos nas distintas categorías. Isto tamén leva a cabo en aplicación da metodoloxía que se implanta, a maiores igual que o fútbol 8, nas categorías de fútbol base.

Debemos traballar baixo os mesmos conceptos, así que para a tempada 23/24 os obxectivos van en aumento e a esixencia tanto dos xogadores como dos adestradores e a propia de todos os vinculados directamente co Club será maior. A metodoloxía ten que ser adaptada e con orde para levar unha evolución adecuada. Tendo previsto para o ano sinalar unhas datas concretas de tecnificación dada a importancia que se necesita no fútbol, estando prevista esta responsabilidade en Héctor.

Neste sentido, non debemos esquecernos de labor do preparador físico Pablo, un traballo que se viu plasmado durante os partidos dado o rendemento da maior parte dos xogadores. Todo aquilo na vida que non tende a crecer e mellorar se estanca e polo tanto tende a desaparecer, sempre se deben marcar uns obxectivos. Cos adestradores que temos actualmente, atreveríame a dicir de forma xeneralizada e por suposto con todo o respecto, que son os mellores que tivo a S.D. Sarriana, polo menos, nos últimos anos.

Que obxectivos hai para o fútbol-8 e fútbol base?

Que o traballo de cada unha das tempadas dean o froito de tantos adestramentos que veñen realizando durante a tempada. Algunhas veces ese traballo proposto non dá o seu froito a curto prazo pero si o dá a medio prazo. Principalmente en fútbol 8 debemos primar a formación tanto a nivel deportivo como a nivel de valores e hábitos, débese facer un traballo cos futbolistas máis individualizado durante os adestramentos.

Fóra do ámbito deportivo, é importante o que se está conseguindo como é a ilusión de toda unha comarca, aos nenos e familiares que integran o Club. Ver a bancada chea é todo un orgullo, necesitamos ese sentimento e esa mostra de pertenza ao noso escudo. Tamén é necesario formar un equipo sénior B para dar saída aos rapaces que terminan na categoría de xuvenil así como igualmente para que teñan cabida todos os xogadores da comarca de Sarria. Este é un paso importante para dar maior proxección aos xogadores da comarca e que poidan continuar a súa carreira co fin de chegar ao equipo sénior A.

Que mensaxe mandas a todos os xogadores, familiares e socios da SD Sarriana?

Que a unión fai a forza, actualmente estase poñendo en valor isto. Favorecendo a que siga crecendo o club e sumando obxectivos. Sentir a calor das familias envorcándose cos distintos equipos tal e como se viu en moitos partidos importantes tanto do fútbol basee como do equipo senior. Iso supón un orgullo, transmite a toda a xente moito ánimo e forza tanto para os xogadores como para os corpos técnicos. Igualmente agradecer á Xunta Directiva o traballo que vén realizando, é un traballo que non é visible pero que supoñen un gran esforzo e dedicación.

Jose López, SD Sarriana
Ascenso SD Sarriana
Ascenso SD Sarriana 2
0.20097494125366