Juan Carlos González, xerente de Albisar: “Hai xente que chama e nin pregunta o prezo, pide o que quere e imos”

SarriaXa
Falamos con Juan Carlos González, xerente da empresa Albisar Construcciones y Cubiertas de Sarria.
Albisar Sarria
24 Feb 2024

Falamos con Juan Carlos González, xerente da empresa Albisar Construcciones y Cubiertas de Sarria.

Por Jessica Fernández.

Cando e por que nace esta empresa?

Todo empezou en 2005, cando montei a empresa sendo eu autónomo porque eu tivera un socio pero foinos mal e separámonos.

Eu levaba moitos anos traballando na construción, desde os 17 e agora teño 47, é dicir, 30 anos traballando na construción, e así empecei, porque é o que fixen toda a vida.

Os principios foron duros e foi complicado conseguir a clientela e empezar desde 0. En pouco tempo collín un traballador e fomos empezando e despois os clientes aumentaron, a xente empezou a confiar e comezamos a traballar así. O que leva máis tempo comigo leva 16 anos e fomos empezando a coller volume de traballo.

Así, chegamos ao que somos hoxe, unha empresa de construcións, reformas e cubertas, así como de rehabilitacións de vivendas e edificios e tamén obra nova. Facemos todos os traballos de albanelaría, carpintería, electricidade e fontanería e somos unha referencia na comarca de Sarria e na provincia de Lugo. En persoal pode ser que haxa outras mellores, pero en loxística temos uns equipos envexables.

Que tipo de ferramentas usan?

Temos moitos equipos, por exemplo, facemos demolicións e temos maquinas que entran en casas para demoler estruturas, é dicir, sen picar, unha demolición pequena en vivendas, pero non industrial.

Ademais, temos ampla variedade de camións, 5 en concreto, e temos máquinas desde 24 toneladas e tamén de corte de 80 cm para demolicións. Tamén dumpers sobre eirugas e camións grúa, góndolas para transportar maquinaria, e unha escavadora Centaurus. Temos 5 camións en total para cubrir as necesidades da empresa, xa que só traballamos para nós ou traballamos para outra empresa, pero en poucas ocasións.

Como é o traballo do día a día?

Cada persoa ten a súa función na empresa, non todo o fai de todo porque a xente está dividida. Temos 6 ou 7 persoas que son camioneiros e maquinistas,  que traballan na construción e tamén andan con maquinas; logo está o persoal de interiores, que só traballa nos interiores e rematan as obras, o chan, os alicatados... Logo están os que fan as estruturas e a obra exterior, e despois a xente encargada das cubertas, que cando non hai que facer cubertas, traballan facendo de todo: demolición, escavacións, colocación de lousas, colocación de paneis...

Facemos de todo un pouco, aínda que ao que máis nos dedicamos é a rehabilitación de casas antigas. Tamén temos feito cousas de patrimonio, como a cuberta dalgunhas igrexas, a rehabilitación da reitoral de Barbadelo... Colocamos calquera tipo de pedra, madeira e lousa, e non hai moito diso, entón sempre temos carga de traballo.

Agora temos o ano 2024 cheo de obras, non temos ningún espazo para atender a máis encargos. E ademais facemos obras que van durar ano e pico unha, como as que fixemos nunha gandaría e unha rehabilitación no centro de Baralla.

Nós temos moito volume de obra de gandarías, facemos naves porcinas, colocamos robots de muxido, facemos encofrados para a fosa de xurro con formigón, e manipúlase con grúa, xa que son pezas pesadas, temos unha partida de encofrado de 200.000 euros.

Como era o traballo antes e como é agora?

Agora é moito mais difícil subsistir, porque o mercado está como está. É difícil axustar os prezos porque subiron e a xente está acostumada a uns prezos e ti telos que subir e a ninguén lle gusta.

Os gastos son pequenos cando unha empresa é pequena, pero agora somos grandes e hai que seguir mantendo os salarios, a maquinaria, o gasóleo... Aínda así, seguimos adiante a pesar de todas as dificultades.

Nós cando empezamos facíamos diñeiro porque traballabamos menos e hoxe en día sacas pouco en comparación, todo cambiou, non sei se é mellor estar grandes ou pequenos. Pero por ser máis grandes non gañas máis.

A nivel de persoal, que problemas identifican?

Hai falta de profesionalidade, tamén falta de persoal, vén xente de fóra á construción que non ten carreira, que ten que traballar pero non sabe se lle gusta.

Antes, a xente empezaba a traballar nisto e ilusionábase e tomábao como un reto e aprendían e formábanse. Agora non hai profesionais que queiran traballar disto.

Porén, nós todos os traballadores que temos aprenderon aquí ,que é un esforzo da empresa porque tes que ensinar e apostar, e iso custa diñeiro e esforzo; pero eu estou contento co persoal que teño, os clientes saben que temos xente válida que saca o traballo adiante e é un orgullo, porque pelexei por que a xente puidera traballar e aprendera.

En que lugares traballan e cantos son?

Nós traballamos en naves avícolas na Coruña, en Ourense, en Cambados... non só en Lugo provincia, imos onde nos chamen. O noso forte é na nosa zona, na comarca de Sarria e en Lugo provincia, temos clientes en Lugo cidade, rehabilimos pisos e baixos comerciais, pero tamén saímos... hai 4 anos fixemos en Teixeiro un proxecto de 800.000 euros. Tamén fixemos todo o de Galimplant, entre Sarria e o Oural. Tamén facemos obra pública no Incio, en Bóveda, para a Deputación, traballamos para albergues de turismo...

Con respecto aos traballadores, agora mesmo somos 22 contratados e outros canteiros e autónomos pero que traballan para nós, como o meu irmán, que é un gran maquinista autónomo e traballa para a empresa. Ademais, cabe destacar que temos xente con formación e temos tres empregados con carné de grúa torre.

Como é a relación cos clientes?

É moi boa, explicamos incluso demasiado porque imos explicar para que, ás veces, outro faga a obra.

Pero en xeral temos clientes de toda a vida. Hai xente que chama e nin pregunta o prezo, pide o que quere e imos. Nós ao saber como é o cliente e el como é a empresa xa facemos todo.

Imos por diante, damos a cara e explicamos todo. Hai xente que é máis afín á empresa e outra que non tanto, pero normalmente a onde vamos, volvemos.

O trato é próximo, moi familiar, tratamos de que a xente quede contenta e o máis agradecida posible, aínda que non e fácil o tema das obras e da construción, ti tes un proxecto e ben, pero se non o hai, hai que sacar o traballo adiante coa túa profesionalidade, e a xente tamén o valora.

0.17995500564575