Juan Carlos Prieto, xerente de Mesón O Castro: “O noso obxectivo é facer sentir ben aos clientes”

SarriaXa
Falamos con Juan Carlos Prieto, xerente de Mesón O Castro de Sarria.
Mesón O Castro
10 Sep 2023

Falamos con Juan Carlos Prieto, xerente de Mesón O Castro de Sarria.

Desde cando levan en funcionamento?

Mesón O Castro leva funcionando case seis anos, xa que abrimos as portas do noso local o día 7 de decembro do 2017.

Como xorde o Mesón O Castro? 

A miña prima e eu puxemos en marcha este proxecto debido a que ambos perdéramos os nosos respectivos traballos. Ademais, esta idea tamén xorde debido a que a nosa familia estivo vinculada sempre a este sector.

Había necesidade en Sarria dun sitio como este?

Baixo o meu punto de vista, si.

Que comidas ofrecen?

De martes a venres, só ao mediodía, ofrecemos un menú, o cal está elaborado no propio día e con produtos frescos e caseiros. Ademais, contamos cunha carta variada de martes a domingo.

Cal é o prato con maior aceptación? E a sobremesa?

Hai varios pratos que xeran sensacións entre os nosos clientes... Pero se tiveramos que escoller algún, serían as troitas e o churrasco de tenreira. No caso da sobremesa, o flan de turrón; aínda que contamos con sobremesas artesanais e outros elaborados por unha empresa. No noso mesón elaboramos o mencionado flan de turrón e o de café.

Fan reservas para grupos? E envíos ás casas?

Facemos todo tipo de reservas, xa que intentamos adaptarnos sempre aos nosos clientes.

En canto os envíos a domicilio, aínda non se están efectuando debido a que a empresa responsable deste servizo non comezou a traballar.

Cómpre destacar que sempre que os nosos clientes o desexen poden acudir a recoller a súa comida e levala.

Teñen moita afluencia de xente?

Ao igual que en todos os negocios, depende un pouco do día... pero en liñas xerais, temos bastante afluencia de xente.

A fidelidade é unha das características dos vosos clientes?

Si, a verdade é que contamos con un amplo abano de clientes habituais.

En que temporada aumenta e por que?

A afluencia de xente aumenta a partir do mes de abril, xa que a nosa ampla terraza nos permite acoller a máis clientes.

En que temporada descende e por que?

A partir do mes de novembro, posto que o mal tempo impídenos acoller a tantas persoas como no verán.

Ademais da comida, por que é recomendable ir a Mesón O Castro?

Persoalmente, cando acudo a un restaurante gústame que me ofrezan un trato familiar, é dicir que me fagan sentir como na miña casa... e ese é o noso obxectivo principal, facer sentir ben aos nosos clientes.

Ademais, na época do verán contamos cunha gran terraza, a cal está rodeada de natureza e anexa a unha zona verde na que os nenos e as nenas poden xogar.

Cales son os horarios e días que se traballa?

De martes a sábado de 12.30 horas ata peche. E os domingos de 12.30 a 17.00. É dicir, os nosos días de descanso son o domingo a noite e o luns todo o día.

Cantas persoas traballan no restaurante?

Traballamos seis persoas.

Teñen algún proxecto de cara ao futuro para potenciar que máis xente se achegue?

O noso obxectivo principal é seguir mellorando día a día, co obxectivo de ofrecer o mellor servizo posible aos nosos clientes.

Ademais, temos en mente varios proxectos cos que pretendemos mellorar as nosas instalacións.

Poden contarnos algunha anécdota?

Quizás a anécdota máis graciosa foi cando un cliente entrou na cociña a darlle un bico e un abrazo a cociñeira por facer tan ricos os flanes de turrón. Existen outras moitas... pero preferimos gardalas para nós.

Ao noso mesón acudiron persoas coñecidas como Sergio Vallejo o Paloma Lago, a cal visitou ao noso local durante a gravación dun dos seus programas.

Algunha cousa que queiran engadir?

Tan só nos gustaría agradecer o labor que dende este xornal facedes, posto que ofrecedes visibilidade aos locais de Sarria e vos achegades aos lectores, logrando que algúns deles se convertan nos nosos clientes.

Mesón O Castro sarria
Mesón O Castro terraza
Mesón O Castro dentro
0.15442991256714