Juan García, xogador do Club Pádel Sarria: "Xogar ao pádel é unha actividade divertida e moi social"

SarriaXa
Juan García, xogador do Club Pádel Sarria que naceu en 2022: "Xogar ao pádel é unha actividade divertida e moi social"
Padel Sarria horizontal
12 Feb 2023

Cada vez máis, e sobre todo tras a pandemia da covid, o deporte do pádel está collendo máis adeptos por ser unha actividade lúdica que require pouco esforzo e onde se pode socializar, mentres se fai unha actividade física e divertida.

Falamos con Juan Bautista García Díaz, xogador e promotor do Club Pádel Sarria e a persona que, como el di “tamén se encarga de todo o do día a día”.

Canto tempo levas xogando a Pádel e canto dentro do equipo?

Levo xogando ao pádel desde o 2016, e dentro do club, desde a súa fundación no ano 2022, este é o noso segundo ano. Como antes non había instalacións adecuadas en Sarria, tiñamos que competir con outros equipos da contorna de Lugo. Ese foi un dos motivos que me levou a arriscar e abrir unhas instalacións en Sarria que nos permitisen ter equipos e competir no noso pobo sen ter que saír fóra.

Como se formou o Club Deportivo de Pádel de Sarria?

Todo isto empezou da man do noso socio, Juan José Bellas. El leva xogando ao pádel case 30 anos, pero principalmente en Lugo. No ano 2013 apostou por una pista de pádel en Sarria. Pero para competir a nivel Federativo necesitas 3 pistas e vestiarios, todo no mesmo recinto.

En 2017 entramos nós de socios, eu máis a miña muller, e foi como un aire fresco que trouxo un cambio xeracional, xa que somos rapaces de 30 anos que nos gusta o pádel, pero que viñamos doutros deportes e tiñamos un afán de competir. Non só de xogar cos amigos pola semana, senón de facer equipo cos nosos amigos e competir contra outros equipos de toda Galicia. 

Empezamos xogando con equipos de Lugo e despois do parón da covid-19, demos o paso para ter un Club en Sarria. 

O club non existía antes da covid-19, pero en relación ao pádel, aínda que non é ético nin moral dicilo, a covid foi un empurrón para o pádel impresionante. O que o pádel debería ter medrado e evolucionado en 10 anos, fíxoo en 10 meses, despois do confinamento, porque coas restriccións existentes quedaban poucas opcións.

Así, con moita ilusión e tamén dúbidas, decidimos dar un paso ao fronte e no ano 2022 naceu o Club Pádel Sarria polas ganas que tiñamos de poder xogar no noso pobo sen ter que xogar noutros equipos da provincia.

Ao xogar aquí, a xente empeza a escoitar o tema do pádel e cada vez interésase máis, achéganse un día para ver como se xoga e acábanse apuntando. Cando pertences a un equipo de Lugo ninguén se entera, pero cando dis: “Xogamos os de Sarria contra os da Coruña”, entón á xente éntralle o formigo e achégase a ver.

Que percorrido tivo o club ata agora e desde a súa formación?

Temos equipo femenino e masculino. Tentamos facer dous masculinos, pero a última hora o 2º equipo non foi posible por falta de xogadores; faltáronos 3 ou 4 rapaces. As rapazas empezaron a súa andaina en 3ª División Galega e fixeron unha actuación impecable, quedando na metade da táboa. Sendo o primeiro ano que competían, fixeron una actuación estelar. Iso dentro da Liga da Federación Galega de Pádel. 

Noutra competición que hai, que se chama Liga Lapi (Liga Amateur de Pádel Internacional), as nosas rapazas quedaron campioas da provincia de Lugo na súa categoría e clasificáronse para a Final Nacional despois de derrotar nas eliminatorias da zona norte a dous equipos de Asturias. 

Tamén compiten nas SNP (Series Nacionais de Pádel) e conseguiron este ano ascender de división. A finais de xaneiro desputaron o playoff na Coruña contra equipos de todo o norte de Galicia.

Dentro do equipo masculino, logramos gañar a Liga da nosa categoría e conseguimos clasificarnos para o playoff de ascenso, o cal gañamos e ascendemos a 3ª categoría da Liga Galega, onde xa nos enfrontamos con equipos da Coruña e Santiago. 

Despois, no ámbito das SNP tamén acadamos o título de liga e un merecido ascenso de categoría a Primeira División do grupo 500. Quedamos subcampións do norte de Galicia nun encontro que se nos foi por moi pouquiño contra Burela Pádel. E en xaneiro tamén disputaremos este playoff para poder optar a unha praza para ir á final nacional en Valencia.

Como é xogar ao pádel?

É un deporte no que te divirtes desde o primeiro momento. É un deporte para todas as idades e condicións físicas.

Necesitas unhas condicións físicas normais, si que é certo que se vas subindo de nivel, xa son deportistas profesionales, pero a nivel amateur xoga xente de todas as idades, desde 8 anos ata os 70. 

E como a nivel amateur a forma física non ten tanta importancia, hai xente de 60 anos que xoga con rapaces de 20, incluso gañan con moita facilidade. 

O que si ten que ser é que os 4 que están xogando teñen que reunir as mesmas condicións físicas e técnicas. 

Pero é un deporte que, para empezar a pasalo ben, non necesitas unha gran preparación e é sinxelo.

A nivel técnico, ao pádel xógase en parellas, 2 contra 2, cunha rede no medio e encerrado nunha especie de caixa ao fondo de cristal e nos laterais de enreixado metálico, e o obxectivo é pasar a bola para o campo rival e que os rivais non sexan capaces de devolver a bóla antes de que bote dúas veces no seu campo.

Que beneficios supón a nivel persoal?

É moi divertido. Vas xogar cos teus amigos contra xente distinta, coñeces sitios novos, que ao mellor se non é polo pádel, non viaxas. 

Axúdache a aliviar o estrés, queimas calorías (nun partido podes chegar a queimar entre 500 e 600 calorías), o risco de lesión é menor que noutros deportes, melloras a tonificación muscular, adquires reflexos, elasticidade, coordinación… É un exercicio aeróbico que axuda ao corazón.

Ademais, tamén inflúe na superación personal, xa que te vas poñendo metas de xogar unha cantidade de partidos, intentas mellorar o saque ou a defensa…

E a nivel colectivo?

É un deporte que moi sociable. O simple feito de xogar catro persoas xa fai que sexa un deporte con un compoñente social. Coñeces moita xente porque o que hoxe é rival, mañá xoga de compañeiro teu. 

Como son catro xogadores ou incluso mixto, é doado montar un partido. Noutros deportes como o baloncesto xa necesitarías como mínimo dez persoas.

Tamén está moi arraigado o tomar algo despois do partido, é o que se coñece como cuarto set. Por iso, nas instalacións adoira haber cafetería. É un deporte que favorece a comunicación entre personas de idades moi distintas.

Ademais, no pádel é moi común que despois de cada enfrontamento o club local invite a uns pinchos ao equipo visitante. E sempre hai moi bo ambiente, que noutros deportes sería imposible ao finalizar o partido.

Contra quen competides?

Galicia divídese en zona norte e sur. Competimos contra equipos da provincia de Lugo e Coruña. E se te clasificas, despois xogas un playoff contra os equipos do sur para determinar o campión galego, que á súa vez representa a Galicia na Final Nacional.

Como son as competicións? 

Un partido de pádel é como o tenis, ao mellor de 3 sets, non vai por tempo. Entón, cando se xoga en equipo, chámase enfrontamento. Cada enfrontamento consiste en 5 partidos. 

Dez xogadores dun equipo e dez xogadores do outro, 5 parellas que chamamos no pádel. O enfrontamento gaña o equipo que máis victorias logre: 3-2, 4-1 ou 5-0. Digamos que é ao mellor de 5 partidos.

O sistema de competición é unha liga, o que gaña suma un punto e o que perde non suma nada. Empatar é imposible. En Galicia hai catro categorías masculinas e tres femininas.

De que logros vos sentides máis orgullosos?

Do bo ambiente que hai no club, do compromiso da xente co equipo tanto no feminino como no masculino e a nivel deportivo, no apartado feminino a clasificación para a Final Nacional da Liga LAPI, e no masculino de lograr o ascenso o primeiro ano que debutamos.

Como se presenta a tempada? 

O equipo feminino este ano xa ten máis experiencia e coas fichaxes que fixo optan ao ascenso.

E o equipo masculino intentará pelexar polo ascenso novamente.

Que proxectos hai de cara ao futuro?

Seguiremos coa escola deportiva para os nenos, para que sigan saíndo xogadores de pádel en Sarria. Estamos traballando e faríanos moita ilusión que o número de practicantes femininas se equiparase co masculino. 

Que eventos organizades? 

Organizamos torneos e campionatos aos que vén xente doutros puntos de Galicia a xogar. A única diferencia entre o equipo masculino e o feminino é que hai máis participación masculina, pero nada máis.

Que ten que facer a xente que queira apuntarse? 

Teñen que pasarse polas instalacións do club, no Polígono do Morelle, ou falarnos por Whatsapp, Facebook ou Instagram. 

Non necesitan comprar nada, nós dámoslles todo para poder empezar. Só se necesita roupa deportiva e ganas de pasalo ben.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1499719619751