Juan José Latas, de Pinturas Latas: “Hai que facer ben as cousas para que a xente volva a ti”
Jessica Fernández
Cales son os inicios do negocio?
Pinturas Latas é unha empresa que levantaron meus pais hai máis de 40 anos, xa que aínda non nacera eu. Desde pequeno sempre estiven vinculado ao negocio porque axudaba moitos días aquí, pero asumín a responsabilidade de seguir ofrecendo os servizos hai arredor de 15 anos.
Que servizos ofrecen?
Ofrecemos servizo de pintura tanto en infraestrutura exterior como en interior en vivendas unifamiliares como en outro tipo de inmobles. Tamén poñemos cartón xeso, máis coñecido pola súa marca Pladur, que é un material de construción que serve para a execución de paredes interiores e revestimentos de teitos e paredes. Tamén poñemos solos, tarima, chan vinílico, chan con illamento térmico...
Ademais, temos unha tenda onde se poden atopar diferentes elementos de decoración do fogar, xa que aínda que non estamos especializado en decoración do fogar, moitas veces nos piden consello sobre como quedarían mellor algúns elementos nas novas paredes pintadas. Así, tamén colocamos cortiñas e facemos teas confeccionadas e a medida. Temos nun almacén detrás da tenda arredor de 700 pezas de tea para que a xente poida tocar a tea e saber que vai ter na casa, non só ver unha mostra.
Que fin se persegue?
Nós temos como obxectivo ofrecer un servizo de calidade. Dedicámonos a pintar e tratamos de facer as cousas ben e con certo rigor, co fin de garantir unha calidade no noso traballo, que é unha das cousas que lle gustan á xente de nós.
Ademais, traballamos con outras empresas e xente formada, como decoradores, cos que facemos unha mellora integral nun espazo dunha vivenda, ofrecendo ao cliente un traballo máis completo.
Falando dos clientes, como é o trato con eles?
O noso sistema está baseado na calidade e en facer as cousas ben, polo que os nosos clientes están contentos. Quizais ao curto prazo non se ve o esforzo que levamos a cabo, pero a longo prazo nótase que a xente está contenta. Temos clientes fieis de hai moitos anos, xa que se lle pintamos a casa hai 20 anos e lle quedou ben e non tivo que chamar a ninguén neste tempo, cando teña que volver pintala, chamaranos a nós de novo, a pesar de que hai competencia.
De que maneira se organiza o traballo en Pinturas Latas?
En Pinturas Latas traballamos cinco persoas como pintores, temos unha modista que cose e confecciona as teas e hai dúas persoas na tenda de atención ao público.
Desta maneira, traballamos durante todo o ano e a tenda está aberta de luns a sábados pola mañá sempre. Cando baixamos un pouco a carga de traballo é en inverno polas inclemencias do tempo, que non nos permite pintar en exteriores, e en verán é cando temos máis traballo. Así, traballamos en toda Galicia, Lugo, A Coruña, Santiago, Ourense, e logo fóra, ás veces traballamos en León ou Madrid de forma puntual.
Cabe destacar que nos chaman para pintar e pídennos opinión que nos parece a nos e baseándonos na nosa experiencia e asesoramos a nivel decoración; a experiencia gánase cos anos.
É necesario un lugar como este en Sarria?
Valoramos moito o negocio local e cremos que é necesario manter isto en Sarria, xa que mellora a economía da vila. Pero o mercado está saturado, a gran superficie e o mercado online cómenos, pero seguimos loitando por manternos e seguir consolidados en Sarria e en Galicia. Deberíamos ter protección desde a administración, xa que hai moitas familias que dependen deste estilo de vida. O Estado podía facer algo máis pola pequena empresa, xa que hai leis que non teñen en conta ao autónomo que ten un negocio pequeno. Eu traballo entre 12 e 14 horas diarios e dedícome en corpo e alma e moitas veces as axudas non chegan, polo que temos moitas dificultades.
Cales son as maiores dificultades?
Son ben coñecidas por todos. A primeira é a falta de man de obra especializada, que é escasa tanto na construción como no sector da pintura e da decoración. Necesitamos xente que estea formada e interesada no sector, xa que os traballamos disto estámonos facendo maiores e non hai relevo xeracional. Non hai especialistas en pintura, en fontanería, en electricidade e iso fai, á vez, que as cousas estean ben pagadas. Todo o mundo quere traballar nunha oficina despois de estudar unha carreira, pero hoxe en día o traballo na construción está mellor pagado porque ninguén o quere facer.
Hai moita demanda de traballo e pouca oferta de profesionais, polo que os que se dedican a isto, gañan diñeiro, a menos que sexas autónomo. E eu teño dúas carreiras universitarias e traballei nunha oficina, pero decidín seguir os consellos do meu pai e estou orgulloso do que son. Ademais, estar neste sector non significa non formarse; nós estamos actualizándonos continuamente, estamos aprendendo porque as cousas cambian e avanzan. Hai produtos e materiais novos e temos que ofrecer a máxima calidade ao cliente, polo que a xente queda contenta con nós. Os edificios novos son intelixentes e tes que estar formado para traballar aí. Hai que formar á xente na pintura e en outros sectores, hai que actualizarse, facer cursos, investigar e facer as cousas ben para que a xente regrese e volva a ti.