Kellie López, nova presidenta de Sarria Bikers: “Encantaríame que se unisen máis mulleres a Sarria Bikers”

SarriaXa
A nova directiva busca reactivar a asociación e consolidar a concentración moteira de maio mentres anima á participación feminina no colectivo
Sarriaa-Bikers-nova-directiva
5 Apr 2026

Jessica Fernández

O Motoclub Sarria Bikers inicia unha nova etapa tras a recente renovación da súa directiva, un cambio que chega a pouco máis dun mes da celebración da súa IV Concentración Motera de Sarria, que terá lugar os días 15, 16 e 17 de maio. Á fronte da entidade sitúase agora Kellie López Arias, de 26 anos, quen asume a Presidencia acompañada por Pablo Goyanes Losada como secretario e Adrián López López como tesoureiro, ademais de Sara Rodríguez Díaz, Eric Fernández Buján e Antolín Sánchez Díaz como vogais.

A nova presidenta dá este paso respaldada por un equipo co que pretende reactivar o pulso dunha asociación que, malia levar catro anos en funcionamento, atravesaba unha etapa de menor dinamismo. Segundo explica, a súa decisión estivo motivada pola sensación de que o colectivo estaba “algo apagada e non quería que desaparecese”. Neste contexto, defende que é “de vital importancia” manter vivo o proxecto de Sarria Bikers co obxectivo de “promover a afección ás motos”.

Desde os seus inicios no club, Kellie tivo claro que o vínculo co territorio debía ser un dos piares fundamentais da entidade. Así, subliña a relevancia de incluír o nome de Sarria, xa que “o mundo das motos é importante, pero sobre todo dar a coñecer as rutas que se poden facer pola comarca de Sarria, onde temos o Camiño de Santiago, e lugares incribles que se poden coñecer ao ir en moto”. Ao longo destes catro anos, a entidade organizou diversas rutas nas que participan a maioría dos seus arredor de 40 socios, procedentes tanto da vila como doutros puntos da contorna e mesmo de localidades como Palas de Rei.

Estas saídas consolidáronse como un espazo de convivencia e afección compartida. “Somos moitos os que nos xuntamos e desfrutamos de rutas e tamén de comidas xuntos, compartindo o que máis nos gusta. É unha forma de xuntarnos, desfrutar da velocidade, das paisaxes e pasar un tempo xuntos”, destaca a presidenta, que xa adianta a súa intención de impulsar máis rutas e encontros ao longo do ano.

IV Concentración Motera de Sarria

No calendario máis inmediato destaca a IV Concentración Motera de Sarria, un evento que volverá reunir a numerosos afeccionados ás dúas rodas cun programa variado, aínda por concretar na súa totalidade. A cita arrincará o venres 15 de maio no campo da feira cunha pancetada popular aberta á veciñanza, cun custo de 5 euros, e que estará amenizada por un grupo musical.

O sábado comezará cunha ruta moteira que dará paso a unha sesión vermú coa charanga Eravisto. A continuación, os participantes desprazaranse ata Portomarín, onde terán lugar os pinchos. Xa pola tarde, o programa inclúe xogos populares e unha exhibición de stunt a cargo de Balles e Pichu. Pola noite, tras un percorrido con fachos polas rúas de Sarria, celebrarase a cea e unha verbena cunha orquestra.

A xornada do domingo desenvolverase cunha ruta pola zona de Vilasouto, no Incio, antes da comida final, na que tamén se realizará a entrega de premios e o sorteo de agasallos. A inscrición para os moteiros terá un prezo de 50 euros polos tres días e incluirá tanto a pancetada do venres como os almorzos, pinchos, cea do sábado e o xantar do domingo.

A organización conta co apoio do Concello de Sarria, unha colaboración que Kellie valora especialmente ao afirmar que “sempre colabora con nós, polo que agradecemos o seu apoio”. A intención do colectivo é consolidar esta concentración como unha cita fixa cada mes de maio.

Máis alá deste evento, a nova presidenta fixa como obxectivo reforzar a actividade ao longo de todo o ano. “E despois a miña idea é facer máis rutas ca outros anos e organizar comidas en distintos lugares para seguir facendo cousas e que a asociación se manteña viva”, sinala. López afronta esta etapa con ilusión, consciente tamén dos retos dun sector que considera “bastante masculinizado, aínda que cada vez hai máis mulleres, e eu animo ás mulleres a sacar o carné de moto; encantaríame que se unisen a Sarria Bikers”.

 

 

0.11132097244263