Kung Fu: Cando a mente vence á espada. Parte II de II

Na primeira parte deste artigo expuxemos como o factor psicolóxico condiciona a supervivencia nunha situación de defensa persoal. E se ben na primeira parte centrámonos en aspectos intrínsecos da arte marcial, nesta continuación gustaríame desenvolver aqueles outros aspectos de interese para todas as persoas, neófitos e sociedade allea á práctica marcial. Todos somos susceptibles de sufrir un agresión e máis nos tempos que corren, onde a sociedade actual está a experimentar unha transformación social enorme, cun grao de violencia e criminalidade ao que a xente da miña xeración non estabamos acostumados. Así é que, nunha sociedade progresivamente máis perigosa ou, como pouco, menos segura, a defensa persoal é unha utilidade necesaria.
Non sabemos solucionar moitos problemas porque non sabemos xestionar as emocións
Unha vez máis todo orbita ao redor do eixo psicolóxico e da xestión emocional. Está claro que como sociedade arrastramos desde sempre esta grande carencia e que cada vez teño máis claro que pode ser a principal causa e raíz dos grandes males da sociedade, desde o persoal e familiar ás guerras entre Estados. A filosofía e a psicoloxía non dan de comer, non teñen un valor económico significativo para a maquinaria socioeconómica e sociopolítica. O sistema educativo tal vez mudou a lousa e o xiz por pantallas electrónicas, pero continúa a ser un espello do sistema militar prusiano, cercando aos nenos nun grande edificio perimetrado con arameiras, suxeitos a un toque de entradas e saídas, encaixonados en aulas e avaliados por puntuacións nun expediente, sometidos a un proceso de memorización e instrución de contidos para formar empregados ou empresarios. Non hai tempo para desenvolver unha metódica do estudo, mellor enche a mochila de deberes, e na casa búscate a vida. O que importa é a puntuación dos exames. Vales tanto como o número que saques nas avaliacións académicas. Acostúmate a ser un número en expedientes, listas e outros rexistros. Menos aínda hai tempo para exercitar a reflexión, para analizar as emocións, para identificar a causa do estrés, da frustración, da tristeza, do ánimo, da motivación, da ira, da envexa, da empatía e da apatía, do individualismo e do colectivismo. Por que cada vez hai máis problemas moi graves de acoso? Porque non sabemos xestionar as emocións, porque Educación tampouco sabe como atallar o problema máis alá de protocolos deseñados nun despacho. Temos un gravísimo problema, con parellas que discuten moito, con monstros que violan e asasinan, con delincuentes nas rúas... E a resposta da sociedade é meter en celas aos criminais, nun centro con outros indesexables, creando un ecosistema interno entre persoas con problemas sociais, somo se iso fose a rehabilitar a alguén. Con isto ponse en evidencia a grande carencia do cultivo da reflexión e da identidade do individuo nunha dinámica de Darwinismo económico no que a persoa é primeiramente un instrumento, forza de traballo e consumidor, e posteriormente, xubilado e unha carga para o Estado.
A maior vitoria é gañar sen ter que loitar
E todo isto que ten que ver co Kung Fu ou cas artes marciais? Pois que o primeiro obxectivo é evitar a loita, evitar a violencia, evitar o conflito, evitar a agresión. Sun Tsu, na Arte da Guerra, di que a finalidade principal é acadar os obxectivos sen ter que someter a ninguén, sen ter que esgrimir as armas. Isto vai desde unha persoa con outra persoa ao eido dun exército contra outro exército. Non sei a orixe do dito, pero en Asia dise que se todos practicásemos a meditación desde nenos, non existirían as guerras no mundo. As artes marciais son unha lección de vida en tódolos eidos, polo menos na cosmovisión propia dos sistemas chineses, ligados e inseparables da filosofía, da ética e da idealización dun mundo mellor para todos. O Kung Fu non é para destruír, é para salvar, é para axudar, é para protexer. E no relativo ao método, ao instrumento puxilístico, nada vai funcionar ben se as emocións boicotean a nosa praxe ou se non somos quen de proxectar o enfoque mental axitado.
Con todo isto, a onde desexaba chegar é ao feito de que podemos deseñar e impartir tantos cursos de Defensa Persoal como queiramos, incluso, en moitos casos, crear etiquetas moi rentables como a de Defensa Persoal Feminina, tirando proveito comercial dunha necesidade ou problema moi serio. Pero que importa a técnica sen atallar o factor emocional e psicolóxico? Alguén pode imaxinar o que pode sentir unha rapaza que é acosada á saída dunha discoteca, por exemplo. Pois é onde debemos analizar, a aplicación técnica baixo ese estrés psicolóxico, pánico, pico de adrenalina... A técnica correctamente executada funciona de igual modo que cunha polea ou cunha panca podemos levar pesos que directamente sería imposible. Pero na defensa persoal as cousas non son tan doadas como ir ao ximnasio tres horas á semana ensaiar técnicas de ataque e defensa, o que constitúe un fútil intento de conxelar a auga agardando que se comporte como un fluído. Aquí é onde o Kung Fu, evidentemente o Kung Fu tradicional, ten contidos moi profundos e desenvoltos, podendo achegar coñecementos valiosos e útiles para a sociedade