La Unión de Sarria acollerá a preestrea da película documental 'Vidas renovables, natureza ou miseria'
O vindeiro martes, 24 de setembro, terá lugar a preestrea da película documental ‘Vidas renovables, natureza ou miseria’ nunha sesión de cine que se desenvolverá na Sociedade Cultural La Unión de Sarria a partir das 20.45 horas.
Durante a iniciativa, que terá entrada libre para todas as persoas interesadas en desfrutar desta proxección, estará o director do filme, Francisco J. Vaquero, quen tamén foi o guionista.
A sinopse desta película fala da substitución das fontes de enerxía baseadas en combustibles fósiles por fontes de enerxía renovables como un feito que “está desfacendo os ecosistemas, as economías e as sociedades do mundo rural en España. A falta de planificación e a nefasta xestión das administracións públicas está poñendo nun grave perigo a supervivencia do mundo rural. Algo que viña para salvar o medio ambiente e rexurdir a vida dos pobos, estase convertendo en todo o contrario. Unha vez máis ao longo da historia, son os cidadáns das zonas rurais os que teñen que sacrificarse para que as persoas que viven nas cidades poidan seguir mantendo o seu nivel de vida. Neste caso, estragando as súas terras de cultivo e os seus ecosistemas en xeral para proporcionarlles electricidade. Ante esta situación alarmante, moitas persoas resístense a ver morrer os seus territorios e están dando as súas vidas para frear esta situación.