Láncara abre a inscrición para os seus programas de verán 2025 con diversas actividades

SarriaXa
O campamento desenvolverase entre o 23 de xuño e o 5 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas
Campamento-Lancara
9 Jun 2025

O Concello de Láncara lanza unha nova edición dos seus programas de verán co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e ofrecer alternativas de lecer e formación para a mocidade durante os meses estivais. A proposta inclúe tres iniciativas adaptadas a diferentes franxas de idade, que combinan xogos, deporte e actividades ao aire libre.

O primeiro dos programas, Diver Mañás, está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos e ofrece actividades lúdicas semanais dende o 23 de xuño ao 5 de setembro cun custo de 12 euros por semana. As inscricións poderán realizarse entre o 9 e o 18 de xuño, tanto na Biblioteca Municipal como na sede electrónica do Concello. O campamento desenvolverase entre o 23 de xuño e o 5 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, nos espazos municipais do concello, contando coa presenza de tres monitores que guiarán as actividades.

As prazas estarán limitadas a un máximo de 30 participantes e a programación inclúe obradoiros creativos, xogos dirixidos, tempo libre, xogos de mesa e xogos tradicionais, ofrecendo un espazo seguro e entretido para os máis pequenos durante o verán. A lista de admitidos publicarase o 20 de xuño.

A segunda proposta é o Mundialito Fútbol Sala Láncara 25, pensado para rapaces e rapazas de 8 a 17 anos. Desenvolverase do 1 ao 24 de xullo e incluirá un torneo e sesións de adestramento. O prezo do programa é de 15 euros, e as inscricións estarán abertas do 9 ao 23 de xuño: do 9 ao 18 poderán facerse na Biblioteca e sede electrónica, e do 19 ao 23 tamén nas dependencias municipais.

Por último, o Verán Campus Xuvenil 2025, destinado a mozos e mozas de 11 a 17 anos, ofrecerá actividades deportivas, ambientais, rutas e xogos entre o 28 de xullo e o 29 de agosto, cun custo de 6 euros por semana. As inscricións estarán abertas do 2 ao 21 de xullo na Biblioteca Municipal e a través da sede electrónica.

Unha vez pechados os prazos de inscrición, os listados de persoas admitidas publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello, na Biblioteca Municipal e na sede electrónica. No caso de que queden prazas dispoñibles, abriranse novos prazos para completar os grupos.

⚙ Configurar cookies
0.16484904289246