Láncara abre o prazo de inscricións para as actividades de conciliación de Nadal
A Concellería de Cultura do Concello de Láncara vén de anunciar que xa está aberto o prazo de inscrición para as actividades de conciliación de Nadal. No programa, que está dirixido a nenos e nenas de 4 a 13 anos, inclúense obradoiros, sesión de contacontos, xogos e servizo de ludoteca. Os interesados poderán anotarse ata o vindeiro 18 de decembro ás 13.00 horas.
Entre as propostas inclúense obradoiros de decoración de Nadal para que os nenos e nenas descubran a maxia da creación de adornos únicos e obradoiros de bolas neve para que poidan crear as súas personalizadas. Tamén poderán participar nun contacontos, co que poderán viaxar a mundos máxicos e descubrir historias inesquecibles.
O programa tamén inclúe unha proposta de bingo infantil con xogos emocionantes para os máis pequenos con premios divertidos e servizo de ludoteca, unha Experiencia única con actividades para todas as idades.
As actividades serán os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro, así como tamén o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro. A programación terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas no edificio polifuncional da Pobra de San Xiao. As prazas son limitadas e terá preferencia os empadroados no Concello. Os interesados poden inscribirse a través do 982 543 066 ou na Biblioteca Municipal.