Láncara abre o prazo de preinscrición para as Escolas Deportivas Municipais do curso 2025/26

O Concello de Láncara anunciou a apertura do prazo de preinscrición para as Escolas Deportivas Municipais correspondentes ao curso 2025/26. As familias interesadas poderán realizar este primeiro trámite entre o 17 e o 24 de setembro, mentres que a inscrición definitiva quedará aberta a partir do día 29.
Dende o goberno local explican que os horarios das actividades se publicarán antes de comezar a inscrición, xa que será necesario contar cun número mínimo de participantes para poder formar os grupos.
A oferta deportiva inclúe disciplinas como atletismo, baloncesto e fútbol sala, con categorías que abranguen desde Baby/Prebenxamín ata Xuvenil. Ademais, a partir de xaneiro de 2026 engadiranse novas modalidades como pádel, bádminton e fútbol sala na categoría Biberón.
En canto ás cotas, o Concello fixa un pago único de 60 euros por neno ou nena para as actividades que arrincan en outubro, mentres que as que comezan en xaneiro terán un custo de 40 euros por participante.