A experiencia gastronómica 'Galicia sabe a mar' estará en Láncara o venres 24
O vindeiro 24 de novembro a campaña 'Galicia sabe a mar' chega ao Concello de Láncara. Na Praza dos Labregos poderase gozar dunha dunha deliciosa degustación de tapas do mar de 12.00 a 15.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.
A través desta campaña, que conta con catro foodtrucks que están a percorrer localidades galegas e doutros lugares de España, búscase promover o consumo de peixes e mariscos galegos. A iniciativa quere poñer en valor o labor dos profesionais do mar, difundir a calidade dos produtos galegos e concienciar sobre a importancia de manter uns bos hábitos nutricionais que inclúan o peixe como alimento saudable.
En cada parada, os visitantes poden degustar algún dos 10 petiscos pensados para esta iniciativa, realizados a base de produtos certificados do mar, como o berberecho de Noia, o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou peixes e mariscos xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas de Lourenzá, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.