Láncara acolle a Festa da Xuventude este venres e tres días máis de festa polo San Roque
A Pobra de San Xiao acolle este venres, 18 de agosto, a Festa da Xuventude de Láncara, que acollerá as actuacións de Carta de Ajuste, do DJ Ello e da orquestra New York.
Ademais, ás 21.00 horas haberá degustación gratuíta de Tenreira Galega para todas as persoas asistentes na praza dos labradores, co fin de que veciños e visitantes desfruten deste produto gastronómico típico da comarca lancaresa.
Esta actividade encádrase nas festas patronais de San Roque, que se celebrarán desde este venres ao luns 21 grazas a Neurka Fernández Lombao, do bar Ou Refuxio, quen decidiu organizar os festexos.
Así, o día 19 terá lugar unha verbena amenizada por un DJ e o domingo haberá unha sesión vermú da man do grupo Punto Crave, que tamén animará a festa pola tarde e de noite. Pola súa banda, o día 21 tocará na sesión vermú o dúo Meritxell, mentres que a orquestra A Fórmula será a actuación da verbena.