Láncara acolle o mércores un almorzoworking dentro do programa Feminino Rural

SarriaXa
Láncara acolle este mércores día 28 un almorzoworking dentro do programa Feminino Rural ás 09.30 horas no antigo centro médico
feminino rural sarria portada
26 Sep 2022

Láncara acolle este mércores 28 de setembro un almorzoworking, enmarcado dentro do programa Feminino rural. Esta iniciativa financiada integramente pola Deputación de Lugo e que desenvolve a Asociación de Empresarias de Lugo, ofrece de maneira gratuíta formación e asesoramento a mulleres emprendedoras para mellorar ou lanzar os seus propios negocios.

O encontro que terá lugar no Restaurante Neira de Poboa de San Xillao ás 9.30 horas ten como obxectivo crear sinerxias entre os establecementos da comarca e fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre emprendedoras e empresarias, á vez que se trata de potenciar a fortaleza individual e colectiva das mulleres.

Poderán acudir todas aquelas mulleres de Láncara e tamén dos arredores: do Incio, O Páramo, Paradela, Samos, Triacastela ou Sarria.

As participantes recibirán formación, acompañamento e asesoramento de maneira gratuíta, tanto para mellorar os negocios que están en marcha, como para favorecer o éxito e viabilidade das iniciativas emprendedoras.

O programa que se prolongará ata finais de ano, consta dunha primeira fase de encontros de traballo conxunto para crear sinerxías e favorecer o intercambio de experiencias e dunha segunda fase de asesoramento e formación personalizados.

Para chegar ao maior número de mulleres e facilitar a súa participación, as distintas accións realizaranse en varias comarcas como a Mariña, Lugo, A Ulloa, Terra Chá, A Montaña e Ribeira Sacra. Agora é a quenda da comarca de Sarria.

O programa Feminino Rural ten unha clara perspectiva de xénero e demográfica e busca seguir apoiando e fortalecendo o tecido produtivo da provincia.

A previsión é que nestes almorzos de traballo conxunto participen un total de 175 mulleres nas 7 comarcas, en cada unha delas habilitaranse 25 prazas.

Despois haberá unha segunda fase onde participe unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. Polo tanto, un total de 35 persoas recibirán unha formación e un asesoramento personalizados, que irán  dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrincar a empresa no caso das emprendedoras participantes.

feminino rural sarria

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.063023090362549