Láncara acollerá dous campamentos de verán, un para os máis pequenos e outro para rapaces

SarriaXa
O Concello de Láncara vén de anunciar que está aberto o prazo de inscrición para as actividades de verán 2024
Campamento-Láncara
19 Xuño 2024

O Concello de Láncara vén de anunciar que está aberto o prazo de inscrición para as actividades de verán 2024 dentro do seu programa de conciliación e lecer.

Desta maneira, os nenos e nenas de Láncara de 4 a 10 anos contarán cun campamento de verán 'Diver mañás 24' no que poderán desfrutar de actividades variadas, como obradoiros de creatividade, xogos en equipo de mesa, de auga e moito máis.

Este terá lugar desde o 24 de xuño ao 6 de setembro en horario de 10.00 a 14.00 horas na Praia Fluvial de Pobra de San Xiao. O último día para anotarse é este xoves ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal ou a través da sede electrónica do Concello de Láncara, tendo que pagar 12 euros por neno.

Campamento dos maiores

Pola súa parte, tamén terá lugar un campamento xuvenil, para rapaces de entre 11 e 17 anos, do 22 de xullo ao 30 de agosto, que se desenvolverá nas instalacións municipais e contornas do municipio.

Desta maneira, haberá dous horarios, un para os cativos de 11 a 12 anos, de 10.00 a 12.00 horas; e outro para os rapaces de 13 a 17 anos, de 12.00 a 14.00 horas.

Entre as actividades que se desenvolverán destacan as de deportes, que inclúen fútbol-sala, baloncesto, voleibol, pádel; as charlas e talleres educativos, os xogos tradicionais e as rutas de sendeirismo.

As persoas interesadas poderán apuntarse ata o vindeiro 8 de xullo na Biblioteca Municipal ou a través da sede electrónica do Concello de Láncara e deberán pagar un custo de 6 euros semanais.

0.13260984420776