Láncara acollerá unha gran xornada de pesca e natureza o 22 de febreiro

SarriaXa
O evento, baixo o lema “Aprende, disfruta, comparte”, incluirá un amplo programa de actividades dirixidas tanto a persoas con experiencia como a quen se inicia no mundo da pesca
xornadas-técnicas-Clube-de-Pesca-Río-Neira
9 Feb 2026

A antiga Casa Consistorial de Láncara será o escenario, o vindeiro 22 de febreiro, dunha Gran Xornada de Pesca e Natureza, unha iniciativa pensada para achegar esta actividade ao público de todas as idades e promover o contacto co medio natural nun ambiente participativo e formativo.

O evento, baixo o lema “Aprende, disfruta, comparte”, incluirá un amplo programa de actividades dirixidas tanto a persoas con experiencia como a quen se inicia no mundo da pesca. Entre as propostas destacan cursos de montaxe e lanzamento para nenos, exhibicións de montaxe en directo, aprendizaxe para montar poteras e explicacións sobre diferentes técnicas de pesca da man de expertos.

A xornada contará cun espazo específico pensado para os máis pequenos, no que poderán dar os seus primeiros pasos na pesca dun xeito lúdico. A actividade infantil inclúe material e guía, co obxectivo de que aprendan xogando e se familiaricen coa práctica de forma segura e divertida.

Ademais do contido formativo, a programación inclúe unha conferencia sobre a xestión da pesca e un ambiente social pensado para o intercambio de experiencias entre afeccionados. A xornada completarase cunha comida na Taberna Airexe, favorecendo así a convivencia entre as persoas asistentes.

As prazas son limitadas, polo que desde a organización recomendan realizar a reserva con antelación. As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse a través do teléfono 606 318 225.

⚙ Configurar cookies
0.063069105148315