Láncara acomete obras de mellora viaria en Toldaos, Armillán e Viládiga

SarriaXa
O Concello investirá máis de 120.000 euros na modernización dos accesos a estas tres aldeas rurais
Casa-do-Concello-de-Láncara
28 Jul 2025

O Concello de Láncara vén de dar un novo paso na renovación da súa rede de comunicacións coa adxudicación das obras de mellora integral nas estradas de acceso a Toldaos, Armillán e Viládiga, tres núcleos de poboación que verán mellorada notablemente a súa conectividade.

A actuación, cun orzamento total de 120.628,53 euros (IVE incluído), será executada pola empresa Construcciones Leonardo Miguélez, SL, que resultou adxudicataria tras presentar a oferta máis vantaxosa desde o punto de vista económico. Os traballos contan cun prazo de execución de dous meses.

O proxecto inclúe actuacións de pavimentación e reparación nas vías que comunican estas aldeas, co obxectivo de mellorar o firme actual, eliminar deficiencias acumuladas co paso do tempo e incrementar a seguridade viaria. Estas intervencións permitirán tamén mellorar a accesibilidade e garantir desprazamentos máis cómodos para a veciñanza.

Desde o goberno municipal destacan que esta obra forma parte dunha estratexia máis ampla de posta a punto da infraestrutura viaria do concello, co fin de dar resposta ás necesidades da poboación, especialmente en contornas rurais que dependen en gran medida da calidade das súas vías de comunicación.

O alcalde en funcións, Pablo Rivera, expresou a súa satisfacción por continuar impulsando proxectos que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza. “É unha actuación necesaria para garantir unha mobilidade máis segura, eficaz e adaptada aos tempos actuais, sobre todo nun contexto no que os pequenos núcleos deben seguir tendo servizos á altura”, sinalou.

A execución destas obras reafirma o compromiso do Concello de Láncara co reequilibrio territorial e o desenvolvemento sostible do medio rural, apostando por infraestruturas que faciliten a fixación de poboación e melloren o día a día dos seus habitantes.

⚙ Configurar cookies
0.05022406578064