Láncara acondiciona o terreo para a urbanización do polígono
Veñen de dar comezo no concello de Láncara as obras de soterramento da liña de alta tensión como paso previo e necesario para levar a cabo a urbanización do polígono. Esta é unha actuación que reviste unha especial complexidade posto que atravesa a estrada autonómica por debaixo malia que non serán necesarios os cortes de circulación.
As obras que teñen un prazo de execución de 4 meses e levaranse a cabo cun orzamento base de licitación de máis de 220.000 euros, supoñen a realización de traballos que modifican a forma ou sustancia do terreo e tamén a mellora do medio físico.
O Concello de Láncara ten previsto realizar na zona traballos de pavimentación da vía e das beirarrúas no ámbito do tramo a urbanizar, ademais da dotar ás redes dos distintos servizos urbanísticos (saneamento de augas pluviais e residuais, abastecemento de auga, electricidade de media e baixa tensión, alumeado público e telecomunicacións), conectar as redes existentes nas proximidades e dotalas dos elementos de mobiliario público necesarios.
O polígono comprenderá arredor dos 70.000 metros cadrados e entre algunhas das empresas que se trasladarán ás súas inmediacións están unha planta de formigón ou unha empresa cárnica de Sarria.
Con respecto á distribución do mesmo, o chan industrial estará situado ó oeste da vila nunha zona coñecida como A Veiga de Abaixo, próxima á confluencia dos ríos Sarria e Neira, por detrás de coñecidas moblerías e próximo ó paso da futura autovía.
Está previsto que a entrada ó polígono sexa dende a rúa Ourense (C-546 que une Nadela e Sarria) a través dun vial de 22 metros de ancho. Comprendería unha zona que hai entre a empresa de aplicacións de formigón e unha moblería. Por esa mesma calzada chegarase ata unha rotonda dende a cal haberá unha bifurcación en dúas direccións (unha delas de 15 metros de ancho que chegará ata as inmediacións da actual depuradora municipal).