Láncara conmemora o 99º aniversario do nacemento de Fidel Castro

Láncara acolleu a conmemoración do 99º aniversario do nacemento de Fidel Castro cun acto cargado de simbolismo na Casa Museo Ángel Castro, Centro de Interpretación da Emigración, un espazo que lembra a forte conexión histórica entre Galicia e Cuba.
Durante a xornada, realizouse unha plantación simbólica de árbores para honrar tamén a memoria de Ángel Castro Argiz, pai do líder cubano, coincidindo co aniversario do seu nacemento.
Ao evento asistiron membros da corporación municipal, o embaixador da República de Cuba, Marcelino Medina, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro Caloto, o deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, a cónsul xeral da República de Cuba en Santiago de Compostela para Galicia, Asturias e Cantabria, Ingrid Izquierdo Sterling, así como representantes da Embaixada cubana en España, do Consulado en Santiago de Compostela e o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo.
Este último subliñou a relevancia dos lazos que unen as poboacións galega e cubana a través da emigración, “unha realidade á que como institución temos que atender polo seu importante peso na nosa historia”, engadindo que “é unha honra recibir á delegación da República de Cuba e poder traballar en reforzar os vínculos entre os nosos pobos”.
Ademais, durante o acto, o presidente da Asociación de Amistad Láncara-Cuba, Antonio Sobrado, avanzou que o vindeiro 13 de agosto de 2026 Láncara acollerá a celebración do centenario do nacemento de Fidel Castro, sendo así un referente a nivel nacional e internacional.