Láncara contará o vindeiro ano con contedores marróns e composteiros no municipio
O Concello de Láncara vai implantar contedores marróns e composteiros no municipio, co fin de cumprir os obxectivos que deben acadar os concellos no ámbito de xestión de residuos, así como para fomentar a reciclaxe e rebaixar o peso do lixo do contedor verde, tendo en conta a suba do canon de Sogama.
Así, a intención do Goberno local é instalar os contedores marróns durante o primeiro trimestre do vindeiro ano 2025, polo que vén de sacar a contratación a compra de depósitos.
Este contrato dividirase en tres lotes: un para adquirir os materiais necesarios para poñer en marcha as instalación de recolección de biorresiduos e a compostaxe, cun orzamento de 5.120 euros; outro lote para os sistemas de identificación dos usuarios dos contedores, cun valor de 3.569 euros; e outro lote para a campaña de información sobre o novo sistema, cun orzamento de 9.924 euros.
O obxectivo da campaña de información, que consistirá en difundir materiais informativos e promover charlas, é concienciar á poboación e aos grandes xeradores de residuos de xestionar o lixo e así potenciar a xestión e recollida destes desperdicios no municipio lancarés, concretamente no núcleo da Pobra de San Xiao e en Valdriz colocarase unha planta de compostaxe comunitaria.