Láncara esixe ao Sergas a cobertura inmediata da praza de pediatría no centro de saúde

SarriaXa
O Pleno municipal debaterá unha proposta institucional consensuada con familias afectadas, que tamén promoven unha recollida de sinaturas pola atención pediátrica no rural
pleno-de-Lancara
4 Jul 2025

O Concello de Láncara levará ao Pleno unha proposta da Alcaldía na que se solicita formalmente ao Servizo Galego de Saúde a cobertura inmediata da praza de pediatra no Centro de Saúde da Pobra de San Xiao, que permanece vacante desde o pasado 1 de xuño.

A moción tamén demanda a incorporación dun ou dunha profesional de enfermaría pediátrica, seguindo o modelo aplicado xa noutros municipios da provincia de Lugo, co obxectivo de garantir unha atención sanitaria de calidade para a poboación infantil do concello.

A iniciativa xurdiu tras unha reunión urxente celebrada o pasado xoves, 3 de xullo, no Salón de Plenos do consistorio, á que acudiron arredor de 25 persoas, en grande parte nais e pais dos 156 menores adscritos ao centro de saúde, que representan máis do 70 % dos nenos e nenas de menos de 14 anos que viven no municipio.

Durante o encontro, as familias afectadas acordaron iniciar unha recollida de sinaturas e apoiar a elaboración da proposta institucional que será presentada ao Pleno municipal para o seu debate e votación.

O alcalde en funcións, Pablo Rivera Capón, acompañado polo concelleiro de Réxime Interior e Facenda Local, Juan José Díaz, agradeceu a implicación da veciñanza e destacou que “a defensa da sanidade pública non entende de cores políticas, senón de dereitos fundamentais da cidadanía, como é o acceso á atención pediátrica no rural”. Rivera subliñou tamén que esta carencia afecta directamente a calidade de vida das familias e representa un obstáculo máis para fixar poboación nos concellos do interior.

A moción que se elevará ao Pleno recolle, entre outras medidas, a esixencia de que o Sergas garanta a presenza dunha pediatra cando menos dous días á semana e que se doten os medios necesarios para evitar que situacións como a actual volvan repetirse, consolidando un servizo estable e continuo.

O Concello de Láncara tamén ten previsto remitir á Consellería de Sanidade as sinaturas recollidas, como mostra do rexeitamento social fronte á falta de cobertura e da unidade veciñal na defensa dunha sanidade pública de proximidade, con equidade territorial e cunha atención digna para a infancia do rural galego.

⚙ Configurar cookies
0.14802813529968