Láncara estrea novo servizo de limpeza coa mirada posta na mellora continua

SarriaXa
O Concello inicia a colaboración cunha nova empresa que adaptará nos próximos días rutas e dinámicas de traballo
Lancara--limpeza-ruas-2025
3 Jun 2025

O Concello de Láncara puxo en marcha esta semana o novo servizo municipal de limpeza viaria, que será desenvolvido por unha nova empresa concesionaria. A iniciativa chega cun obxectivo claro: dar un salto de calidade no mantemento da vila, modernizando medios e optimizando a recollida de residuos e o coidado dos espazos públicos.

Durante os primeiros días, o servizo funcionará en fase de axuste. Segundo explican desde o consistorio, a empresa irá adaptando progresivamente as rutas, horarios e métodos de traballo para adecuarse ás necesidades reais do municipio. “Pedimos comprensión e colaboración da veciñanza mentres se afina o funcionamento do servizo”, apuntan fontes municipais, que engaden que esta etapa é clave para garantir a eficacia a medio e longo prazo.

O inicio do servizo veu acompañado de nova maquinaria, que xa se puido ver esta mañá en distintos puntos da localidade. As imaxes da maquinaria en acción foron compartidas nas redes sociais do Concello, como mostra do compromiso coa transparencia e coa implicación veciñal.

Dende o goberno local agradecen o apoio da cidadanía e fan un chamamento para que todos e todas contribúan a manter Láncara limpa e coidada. “Trátase dun traballo conxunto no que todos temos un papel”, sinalan.

⚙ Configurar cookies
0.085213899612427