Láncara impulsa a recollida selectiva de orgánicos coa implantación do contedor marrón

O Concello de Láncara está a poñer en marcha un novo sistema para reforzar a xestión sostible dos residuos mediante a implantación do contedor marrón destinado á recollida separada da materia orgánica. Esta iniciativa, que conta con financiamento da Xunta de Galicia a través dos fondos europeos NextGenerationEU, permite avanzar cara a unha reciclaxe máis eficiente e a un maior aproveitamento dos biorresiduos.
O servizo comezará a aplicarse no núcleo urbano da Pobra de San Xiao e entre os grandes produtores deste tipo de residuos, como establecementos hostaleiros e comercios. O Concello visitará nos próximos días a estes negocios para explicarlles o proceso, resolver dúbidas e facilitar a súa adhesión. Os locais adheridos disporán dun servizo de recollida porta a porta e recibirán gratuitamente recipientes específicos de cor marrón.
No marco das accións de información e sensibilización, o pasado 2 de novembro desenvolveuse unha sesión informativa no Campo da Feira da Pobra de San Xiao, onde se explicaron os detalles deste novo sistema e se entregaron caldeiros domésticos e bolsas compostables á veciñanza que se achegou ao posto municipal.
Con esta actuación, o Concello de Láncara busca incrementar a recollida e o aproveitamento dos residuos orgánicos, reforzando o compromiso coa sustentabilidade ambiental e avanzando cara a un modelo de xestión máis respectuoso co medio ambiente.