Láncara impulsa o uso do contedor marrón cunha sesión informativa na Pobra de San Xiao

O Concello de Láncara continúa avanzando na implantación do contedor marrón, destinado á separación de residuos orgánicos, cunha nova iniciativa dirixida a informar e sensibilizar á poboación.
Este domingo, 2 de novembro, habilitarase unha carpa informativa no Campo da Feira da Pobra, onde persoal especializado ofrecerá detalles sobre este sistema, pensado para recoller restos de comida e pequenos residuos vexetais de maneira diferenciada.
A administración municipal destaca que a correcta separación da materia orgánica supón un paso importante cara a unha xestión máis sostible e eficiente dos residuos urbanos, contribuíndo a reducir o volume de lixo que remata no vertedoiro e axudando a cumprir os obxectivos europeos e autonómicos en materia de reciclaxe.
Durante a xornada, ademais da atención personalizada e resolución de dúbidas, o Concello repartirá entre os asistentes un caldeiro doméstico específico para biorresiduos e un lote de bolsas compostables co fin de facilitar a adaptación ao novo sistema.