Láncara impulsa un verán repleto de actividades
Láncara pon en marcha este verán abundantes actividades que comprenderán dende viaxes ata festas en honor ao emigrante.
Comezaron xa o 2 de xuño coa viaxe programada a Miño, un plan que se espallará ao longo do verán levando aos veciños a visitar distintas praias. Por exemplo, para o vindeiro 11 de setembro está prevista unha excursión ás Rías Baixas, a Cambados e O Grove, que tamén suporá un desembolso económico para os interesados do cal informarán en breve desde o Concello.
As demais actividades serán gratuítas. Xa este pasado 2 de xullo se conmemorou por todo o alto a festa da escuma, e este 16 tamén está fixado no calendario que haxa xogos de carácter acuático.
Seis días despois desta data, a festa do Emigrante traerá a música de A Roda e Carta de Axuste.
Xa en agosto, as actividades acuáticas daranse cita na Pobra de San Xiao, onde tamén se festexará o 13 a festa da Troita. Así mesmo, 19 será a quenda da festa da Xuventude con actuacións musicais como Beatriz e Punto Clave.
Pola súa banda, os campamentos de estío fecharán o 26 de agosto organizando unha nova festa da escuma e un karaoke infantil. Estes campamentos estarán en activo ao longo de todo o verán. E un día máis tarde, o 27 de agosto, acontecerá en Láncara unha actuación sorpresa.