Láncara inaugura unha exposición de Martín de Padrozelos o sábado
A exposición De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, inaugurase o vindeiro sábado, día 22, a partir das 12 horas, no Polifuncional do Campo da Feira, da Pobra de San Xiao (Láncara). No acto de inauguración está prevista a participación do alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López; do presidente de APECSA, Xosé María García Palmeiro, e do comisario da exposición, Luís Celeiro.
Esta exposición, na que que se recollen as dez cantigas deste trobador medieval, dos primeiros da lírica galega, está organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) e, neste caso concreto de Láncara, conta coa colaboración do Concello e da Asociación cultural Val de Láncara.
No Polifuncional da Pobra de San Xiao, estará aberta, en horario de 11 a 14 horas, de luns a venres, ata o 3 de xuño de 2021. Noutros horarios, os interesados deberan concertar visita no teléfono: 982 54 30 77. A exposición ten carácter itinerante, estivo en Sarria e, despois de Láncara, estará en Paradela (4 de xuño – 15 de xuño 2021), en Triacastela (18 de xuño –29 de xuño 2021), en Samos (2 de Xullo – 21 de xullo 2021), en O Incio (22 de xullo –5 de agosto 2021), en Folgoso do Courel (6 de agosto – 17 de agosto 2021), Portomarín (19 de agosto – 30 de agosto 2021) e Pedrafita do Cebreiro (1 de setembro – 11 de setembro 2021).