Láncara licita o equipamento da Aula Mentor en 7.200 euros
O concello de Láncara sacou a licitación do equipamento da Aula Mentor que se abriu recentemente na comarca de Sarria. A licitación será en réxime de alugamento por 7.200 euros.
O contrato do equipamento terá unha duración de catro anos cun custe mensual de 125 euros máis IVE como máximo. A empresa adxudicataria deberá abastecer a Aula Mentor con cinco equipos portátiles e un máis para a Casa Consistorial, a maiores, deberá instalar un ordenador de sobremesa e un monitor na Aula Mentor. O prazo para a instalación dos equipos será dun mes.
A solicitude das empresas interesadas farase a través da plataforma Silex da Consellería de Facenda tendo aberto o prazo ata o día 18 de marzo.
Na Aula Mentor que comezou a súa andadura a finais de febreiro as persoas maiores de idade do Concello de Láncara poderán desfrutar de máis de 150 cursos online de formación con diversas temáticas. Nas instalacións, o alumnado realizará a matrícula aos cursos e os exames presenciais, xa que a formación é de carácter online a través dunha plataforma do Ministerio de Educación. Tamén poderán facer uso dos ordenadores cos que conta a biblioteca.