Láncara organiza un campamento de Semana Santa para favorecer a conciliación familiar

SarriaXa
O programa, dirixido a menores de 4 a 13 anos, desenvolverase en catro xornadas no Polifuncional do Campo da Feira
pavillón-polifuncional-Láncara-campo-da-feira
9 Mar 2026

O Concello de Láncara impulsa unha nova edición do Campamento de Semana Santa, unha iniciativa destinada a ofrecer alternativas de ocio educativo para a infancia durante o período de vacacións e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar.

A actividade está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 13 anos e contará cun total de 25 prazas, que se asignarán con preferencia para os menores empadroados no municipio.

O campamento desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril nas instalacións do Polifuncional do Campo da Feira. O horario das actividades será de 10:00 a 14:00 horas.

O custo de participación está fixado en 15 euros. O prazo para presentar as solicitudes abrirase o 10 de marzo e permanecerá dispoñible ata o 25 de marzo, ambos os dous incluídos.

As inscricións poderán formalizarse presencialmente na Biblioteca Municipal de Láncara ou a través da sede electrónica do Concello, dispoñible en lancara.sedelectronica.gal. A relación de persoas admitidas publicarase o 26 de marzo na propia sede electrónica.

0.11744403839111