Láncara organiza unhas xornadas sobre sinais da violencia de xénero e recursos de apoio á cidadanía

O Concello de Láncara organiza os días 19 e 20 de xuño de 2025 unha actividade enmarcada no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero centrada na detección de sinais da violencia de xénero e nos recursos dispoñibles para a cidadanía.
As xornadas estarán impartidas por Pilar Porral, directora de Coeduca e experta na prevención desta problemática social. O obxectivo é achegar ferramentas á veciñanza para recoñecer situacións de violencia e coñecer os mecanismos institucionais de apoio.
O primeiro encontro terá lugar o mércores 19 ás 18:30 horas na antiga escola de Láncara, mentres que o segundo será o xoves 20 ás 17:00 horas no antigo centro médico da Pobra de San Xiao.
A actividade, de carácter aberto e participativo, pretende reforzar o coñecemento e a sensibilización da poboación fronte á violencia machista. Desde o Concello subliñan que “saber é coidar” e convidan a toda a veciñanza a asistir.