Láncara pon en marcha os Espazos das Familias para apoiar a crianza de nenos e nenas de 0 a 3 anos

SarriaXa
O programa municipal, de carácter gratuíto, ofrece encontros semanais con actividades e acompañamento profesional
bebe-axudas-recien-nacido
25 Sep 2025

O Concello de Láncara anunciou o inicio do programa Espazos das Familias, anteriormente coñecido como Preescolar na Casa, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos. Trátase dun servizo municipal gratuíto que se desenvolverá en colaboración coa Asociación socio-educativa Antonio Gandoy, co obxectivo de ofrecer apoio ás familias nos primeiros anos de crianza.

A proposta pretende crear un lugar de encontro onde as familias poidan compartir experiencias, resolver dúbidas e aprender en compañía doutras persoas, sempre co acompañamento dun profesional da educación. Os encontros incluirán actividades adaptadas a cada etapa evolutiva, nun ambiente lúdico e relaxado.

Entre os seus obxectivos está favorecer a socialización temperá dos máis pequenos, ofrecer recursos que promovan unha maternidade e paternidade consciente e apoiar o desenvolvemento integral da infancia no municipio. O servizo está aberto a todas as familias de Láncara con fillos e fillas de 0 a 3 anos, independentemente de se acoden ou non á escola infantil.

⚙ Configurar cookies
0.081462860107422