Láncara reclama á Xunta a recuperación da cámara agraria de Carracedo

SarriaXa
O pleno tamén aprobou por unanimidade a conta xeral de 2023 e fixou os festivos locais de 2026: Entroido e San Roque
Casa-do-Concello-de-Láncara
3 Aug 2025

O Concello de Láncara acordou en pleno solicitar formalmente á Xunta de Galicia a limpeza, conservación e rehabilitación da antiga cámara agraria de Carracedo, un inmoble que leva anos nun estado de abandono evidente. A iniciativa, aprobada cos votos de toda a corporación, inclúe tamén a petición de que a administración autonómica avalíe posibles usos alternativos para o edificio, vencellados a fins sociais, culturais ou de interese público.

A cámara agraria, que en tempos foi punto de referencia para o sector primario da zona, presenta na actualidade un estado de deterioro notable. A vexetación medra sen control arredor da estrutura, a fachada amosa danos evidentes e tanto as portas como as fiestras están esnaquizadas ou a punto de caer. Desde o Concello insisten en que a situación require unha actuación urxente por parte da Xunta, titular do inmoble.

No mesmo pleno, tamén foi aprobada por unanimidade a conta xeral correspondente ao exercicio 2023. Ademais, quedou fixado o calendario de festivos locais para o ano 2026, que manterá as datas tradicionais: o martes de Entroido e o luns das festas de San Roque, patrón da vila.

⚙ Configurar cookies
0.15582609176636