Láncara reforza o SAF cun novo contrato que mellora a atención e os recursos dispoñibles

SarriaXa
O novo acordo, cun investimento de 1,1 millóns de euros, amplía prestacións e inclúe servizos de rehabilitación, podoloxía e material técnico para os usuarios
maiore-recurso-axudass-dependencia
11 Oct 2025

O Concello de Láncara vén de poñer en marcha un novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), do que se benefician máis de medio cento de veciños e veciñas. O servizo terá un importe de 1,1 millóns de euros e un prazo inicial de dous anos, prorrogable por outros dous, o que elevaría o investimento total ata 2,2 millóns de euros.

A nova adxudicación incorpora diversas melloras asistenciais e técnicas, entre as que destacan o empréstito de material especializado: 16 grúas de mobilización, 16 camas articuladas, cadeiras de rodas e de ducha, ademais de andadores para as persoas usuarias que o precisen.

O servizo amplíase tamén con 120 horas anuais de rehabilitación terapéutica, así como atencións de podoloxía e perruquería a domicilio de maneira trimestral. Ademais, prevese a realización de 14 limpezas integrais anuais en fogares que o necesiten, formación continua para o persoal auxiliar e sesións de apoio psicosocial para reforzar o acompañamento ás persoas usuarias.

O contrato abrangue tanto a modalidade de dependencia como a de libre concorrencia, cunha tarifa que vai dos 23,01 euros por hora ordinaria aos 23,48 euros por hora extraordinaria no caso do servizo por dependencia.

Con este novo contrato, o Concello de Láncara aposta por un modelo de atención máis humano, profesional e adaptado ás necesidades reais da poboación, consolidando o SAF como un servizo esencial para o benestar e a calidade de vida da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.066097021102905