Láncara reforza o servizo municipal con nova maquinaria para residuos e limpeza viaria

O Concello de Láncara, en colaboración con FCC Medio Ambiente, presenta a nova maquinaria incorporada ao servizo municipal co obxectivo de optimizar a recollida de residuos, a limpeza viaria e a xestión do punto limpo. Ten lugar na Praza dos Labradores, na Pobra de San Xiao, nun acto no que tamén se procederá á entrega de chaves ás persoas propietarias de contedores de compostaxe.
A actuación supón un investimento total de 350.321 euros e permitirá modernizar os medios técnicos dispoñibles, apostando por tecnoloxía de última xeración en emisións, ruído, ergonomía e eficiencia.
Entre as incorporacións destaca un camión de recollida de 8 metros cúbicos, con sistema de carga traseira e elevada manobrabilidade, especialmente adaptado ás características da zona rural. O vehículo conta cun motor Euro VI-E de 220 cabalos de potencia e destinarase á recollida da fracción resto, orgánica e envases.
O servizo complétase cun furgón de caixa aberta equipado con plataforma elevadora e sistema basculante, dotado dun motor Euro VI-E de 130 cabalos. Este vehículo empregarase na recollida de mobles e enseres, así como en tarefas de limpeza viaria, ao incorporar hidrolimpadora e depósito de auga.
No punto limpo incorporouse unha trituradora de restos de poda con capacidade para procesar material de ata 150 milímetros de diámetro, así como unha caixa aberta de 30 metros cúbicos para facilitar a súa xestión e posterior reparto entre as persoas usuarias de composteiros, incluído o colectivo de Valdriz.
A mellora do servizo inclúe tamén a instalación de novos colectores para a fracción resto, envases, papel e cartón e vidro en todo o termo municipal, ademais da renovación das papeleiras no núcleo da Pobra de San Xiao.